A AER rompe co PSOE en Redondela

A agrupación anunciou que traballará para que Digna Rivas, actual alcaldesa, "sexa relevada do seu cargo"
Digna Rivas. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Digna Rivas. OLGA FERNÁNDEZ

A Agrupación de Electores/as de Redondela (AER) deu por roto o pacto de goberno local co PSOE e decidiu iniciar contactos para "relevar do cargo" á alcaldesa, a socialista Digna Rivas

A AER, segundo informa a través dun comunicado, celebrou este domingo unha reunión para avaliar unha resolución ditada pola rexedora o venres pola que se "retiraron" ao concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, as competencias sobre a limpeza de praias. Isto propiciou, sinala a agrupación, en "actuacións contra o medio ambiente" con "maquinaria pesada" na Praia da Punta, en Cesantes.

É máis, isto "fai perigar a concesión dunha subvención de case 200.000 euros do Ministerio de Transición Ecolóxica" presentada entre a Universidade de Vigo, o Concello de Redondela e a confraría de pescadores do municipio.

Este feito foi "a pinga que colma o vaso" para a AER, polo que agora decidiu pedir a dimisión da alcaldesa por ser a "única responsable da ruptura unilateral do pacto de investidura" asinado entre ambas as formacións tras as eleccións de 2019.

E é máis, a Agrupación de Electores/as de Redondela anunciou que traballará para que a actual alcaldesa "sexa relevada do seu cargo", para o que "nos próximos días" manterá reunións "con todos os partidos políticos con representación" na Corporación –PP, BNG e tamén PSOE–. 

Os socialistas liderados por Rivas, a actual alcaldesa, contan con sete edís nun pleno de 21, polo que para ser elixida en 2019 necesitou os tres votos de AER, máis os dous do BNG. As eleccións gañounas o PP con nove concelleiros, a dous da maioría absoluta. 

Por isto mesmo, os tres asentos de AER, até agora socios do PSOE, poderían ser decisivos no caso de que o PP decidise presentar unha moción de censura.

Comentarios