Seis aloitadoras e unha gandeira, o espello no que mirarse para as mulleres da comarca

As mozas de Cuspedriños e unha criadora de Xende, homenaxeadas por MEI en A Lama
As aloitadoras Diandra, Mónica, Sandra, Ainara, Judit e Nadia coa gandeira, Macarena Solla, e o resto dos e das participantes na cerimonia. DP
photo_camera As aloitadoras Diandra, Mónica, Sandra, Ainara, Judit e Nadia coa gandeira, Macarena Solla, e o resto dos e das participantes na cerimonia. DP

Un total de seis aloitadoras da Rapa das Bestas de Cuspedriños, Cerdedo-Cotobade, dúas asociacións cabalares destes municipios e unha gandeira de Xende, A Lama, recibiron no Salón de Plenos da Lama unha homenaxe por parte da Asociación de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas (MEI) en colaboración co CIM de ambos concellos co gallo da celebración do 8-M.

As aloitadoras que recibiron este recoñecemento público foron Diandra Amorín, Mónica González, Sandra Souto, Ainara Fernández, Judit Moraleda e Nadia González. Son todas mozas moi novas, que en anos recentes teñen saltado ao interior do curro cotobadés, no que demostraron afouteza e a capacidade para abordar unha tarefa tradicionalmente masculinizada sen ningún complexo. En canto ás dúas asociacións cabalares que tamén participaron foron as asociacións cabalares da Lama e de Cotobade.

Ademais, a gandeira Macarena Solla, residente en Xende (A Lama), foi tamén obxecto dunha emotiva homenaxe polo que foron e representan na economía galega as mulleres do campo.

O evento foi dirixido pola vicepresidenta de MEI, Ana Cordero, quen foi dando paso ás distintas personalidades presentes no evento. Na celebración, ademais da intervención do alcalde e doutros responsables como o director de gandeiría, a directora do CIM tomou a palabra para lembrar por que o 8 de Marzo é o Día Internacional da Muller, segundo acordo das Nacións Unidas, como efeméride do incendio nunha fábrica textil clandestina de Nova Iorque que provocou a morte de máis dun cento de mulleres, a práctica totalidade inmigrantes, porque os donos decidiran pechar as portas.

Os agasallos desta celebración consistentiron nunha lámina alegórica da data a conmemorar e cada unha das homenaxeadas que o desexoou puido dirixírse ao público que abarrotou o salón de Plenos do Concello da Lama para falar da súa experiencia en ámbitos nos que, polo menos a nivel comarcal son un exemplo, e reivindicar a necesidade de avanzar en políticas de igualdade real.

O acto foi pechado pola presidenta de MEI, Raquel Touriño, que agradeceu ás autoridades presentes e ofreceu a máxima colaboración da súa asociación coas mulleres na loita polos seus dereitos, contra a violencia de xénero, en favor do empoderamento feminino e pola defensa activa da eliminación das barreiras á muller. Tamén interviu o concelleiro de Igualdade e tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, quen avogou por impulsar desde a Administración pública políticas activas e reais para combatir unha das lacras da sociedade como é a violencia de xénero e apostou por impulsar ás emprendedoras a través de accións concretas que sirvan para que as mulleres cheguen alá onde se propoñan.

Comentarios