A Área incorpora cinco médicos de familia en prazas de difícil cobertura

As prazas que se cubren corresponden aos PAC de Vilagarcía e Caldas, e os centros de Catoira, Forcarei e O Grove
Foto de archivo del exterior de la Consellería de Sanidade, en Santiago. DP
photo_camera Foto de archivo del exterior de la Consellería de Sanidade, en Santiago. DP

Nas próximas semanas incorporaranse 72 profesionais de medicina familiar e comunitaria, dos cales oito non traballaban previamente no Servizo Galego de Saúde. A oferta de postos de difícil cobertura distribúese en 23 prazas na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco; 15 en Santiago de Compostela e A Barbanza; 11 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 8 en Ferrol; 7 en Vigo; 5 na área de Pontevedra e O Salnés e 3 na Coruña e Cee.

En concreto, na área de Pontevedra e O Salnés, ofrécense dúas prazas fixas en quenda de tarde no centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, con gardas no Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia da propia Vilagarcía e no de Caldas de Reis. As outras 3 prazas ofertadas son en quenda de mañá nos centros de Catoira, co PAC de referencia en Vilagarcía; no de Forcarei, con gardas nos PAC de referencia de Cerdedo e A Parda (concello de Pontevedra); e no de O Grove, que ten como PAC de referencia o do propio Grove e o de Baltar, no concello de Sanxenxo.

Co fin de axilizar a adxudicación de prazas, todos os aspirantes -incluídos os que non teñen a condición de seleccionados- poderán elixir as prazas da súa preferencia nun acto de elección telemático para que, no suposto de quedar prazas sen adxudicar entre as médicas e médicos seleccionados se poida realizar a selección dun novo aspirante pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

O persoal MIR desta especialidade que rematou no mes de maio puido optar a estas prazas, sendo Galicia a única comunidade autónoma cun sistema de provisión de persoal sanitario que permite a un especialista médico rematar a residencia e ser persoal fixo nese mesmo ano.

Ao respeito, hai tres facultativos especialistas de Atención Primaria que resultan adxudicatarios e remataron o período de residencia en 2023.

Ademais, a Consellería de Sanidade vén de informar de que tamén ampliará o prazo de convocatoria do concurso-oposición de médico de familia para incluír as prazas da oferta de emprego público de 2023 aprobada o pasado mes polo Consello da Xunta. Así, segundo datos facilitados por Sanidade, ás 150 prazas xa convocadas, sumaranse un total de 121, prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición nesta categoría.

Comentarios