Arte para o que queda de agosto

Do Museo de Pontevedra e do Marco á Illa de Ons e ao Mosteiro de Poio, as exposicións copan a programación cultural da fin do verán
undefined
photo_camera O creador da Cañiza Diego de Giráldez expón o seu traballo, como ada verán dende hai 35 anos, no mosteiro de Poio. DP

Con boa parte das programacións festivas finiquitadas e con eventos como a Feira Franca cancelados, a última parte da época estival remite culturalmente ás salas de exposicións e a outros espazos con propostas plásticas. Os últimos días de agosto encoméndanse á arte.

Se se quere ver unha exposición en Pontevedra poucas máis alternativas hai ao Museo. Este mes de agosto dúas salas tan importantes na capital da provincia como son o Café Moderno, xestionado por Afundación, e o Pazo da Cultura, xestionado polo Concello, non tiveron programación, se ben é certo que este último organismo se atopa nunha etapa de transición, pendente da incorporación dun novo xerente.

O Museo cargou ás súas costas coa oferta expositiva da cidade, como fixo durante boa parte da pandemia, e agora mesmo poden visitarse, á parte das mostras temporais e das Ruínas de San Domingos, tres propostas temporais: unha sobre a representación das mulleres durante o modernismo a través de obras da colección Fundación Fran Daurel (Mulleres. Entre Renoir e Sorolla), outra sobre a historia dos libros despregables (Pop-up. Libros móbiles e despregables) e outra coa selección de traballos do certame Novos Valores. Segundo informou a entidade museística a comezos de agosto, o seu esforzo en canto a programación estaba a ser recompensado con cifras de visitantes anteriores á covid (22.591 persoas no mes de xullo).

Fóra dalgún caso máis de exposicións de carácter divulgativo (como as que acostuman a acoller a Biblioteca Pública ou o Edificio Administrativo da Xunta en Campolongo) só hai outras dúas mostras na cidade. Están en espazos privados: a colectiva que ocupa durante todo o mes de agosto o Granero Delmas (Galerías Oliva, 2, Local 15) e a que vén de abrir o Liceo Casino, Cantares nas Pontes de Pontevedra: un achegamento ao patrimonio cultural e etnográfico, de Cristina Caramés.

Nin o Café Moderno nin o Pazo de Cultura (nunha etapa de transición) ofreceron mostras durante a época estival

Máis alá dos espazos habituais, agosto tamén serve para que se monten actividades artísticas noutros lugares como o Mosteiro de Poio, onde hai unha exposición de Diego de Giráldez, como cada ano, durante todo o verán; a Illa de Ons (Bueu), onde se pode visitar unha mostra etnográfica de fotos e documentos audiovisuais sobre a historia desa comunidade, e a Praia de Cesantes (Redondela), onde se pode coñecer o traballo de Alba Casanova, que traballou sobre antigos contedores de algas.

BACALLAU. En Bueu, no Centro de Interpretación de Agrelo, está aberta ao público A campaña do Argus, onde se recompila o traballo realizado en 1950 polo reporteiro do National Geographic Alan Villiers, tamén oficial da Armada australiana, sobre a pesca do bacallau en Terranova (Canadá).

Na comarca do Salnés pódense ver, entre outras, exposicións na sala Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa e na Galería Besada do Grove. Na primeira hai unha colectiva, titulada Do invisible, con pinturas e esculturas dos creadores Chelo Rodríguez, Isabel Pintado, Francisco Pazos e Fernando Carballa. Na segunda, unha selección de esculturas de José Davila titulada Cousas.

Finalmente, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) acolle agora mesmo tres propostas, que permanecerán abertas ata distintas datas de outubro e novembro. A primeira é a exposición colectiva 4 proxectos, con obras de Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás, e Mar Vicente. A segunda, unha selección de obra recente de Din Matamoro, A mirada encendida. E a terceira, Música de las formas, de Glenda León.

Captura