O BNG pide á Xunta que se implique na continuidade de Maderas Iglesias

Presentará mocións nos concellos da área de Vigo co obxectivo de "defender o futuro" das 250 persoas que alí traballan

Ana Pontón. LAVANDEIRA JR.
photo_camera Ana Pontón. LAVANDEIRA JR.

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou a implicación da Xunta de Galicia para garantir a continuidade da compañía Maderas Iglesias, con sede no Porriño. Ademais, avanzou a presentación de mocións nos concellos da área de Vigo co obxectivo de "defender o futuro" das 250 persoas que alí traballan.

Pontón reuniuse este mércores pola mañá cunha representación dos traballadores de Maderas Iglesias nun encontro no que tamén estivo presente o deputado por Pontevedra, Luís Bará, e os responsables comarcal e local da forza nacionalista na cidade olívica. A portavoz nacional rexeitou que o Goberno galego "bote balóns fóra" nesta cuestión xa que, engadiu, "conta con mecanismos para crear emprego na comarca e manter os postos de traballo".

Explicou que Maderas Iglesias foi no seu día "un referente no sector da transformación da madeira" e defendeu que, na actualidade, "a pesar de sete Ere e a ameaza de liquidación, segue sendo viable e ten negocio, pero necesita dunha reestruturación de débeda que ten que vir a través da Xunta".

Pontón insistiu en que a Consellería de Economía "ten instrumentos para manter e crear emprego na comarca de Vigo, que padeceu as graves consecuencias da crise coa perda de 6.000 empregos no sector industrial desde o ano 2009". Así, lembrou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) "debe servir para que as empresas que pasan por dificultades poidan saír adiante". 

Comentarios