O CAAN rescata en 48 horas dúas camadas con 15 cachorros en Ponte Caldelas e Meaño

Estarán no centro provincial ata completar a súa recuperación e, se todo vai ben, poderán saír en adopción nuns meses, tras completar o cadro de vacinación
Algúns dos cadeliños recollidos. DP
photo_camera Algúns dos cadeliños recollidos. DP

O abandono animal segue a mostrar a súa cara máis amarga aínda que con final feliz. En dous días seguidos desta semana, o Centro de Acollida de Protección de Animais (CAAN) da Deputación recolleu quince cachorros, seis deles abandonados nunha caixa, que se están a recuperar agora de xeito satisfactorio nas instalacións provinciais situadas no lugar de Armenteira (no municipio de Meis).

Os cachorros son cinco femias (Nela, Baca, Crisal, Vera e Terra) e un macho (Watson) que o persoal do centro provincial rescatou abandonados a súa sorte nunha caixa diante do Pavillón de Ponte Caldelas, tras recibir aviso da Policía Local deste concello. Teñen aproximadamente un mes de idade e están a recibir os coidados necesarios no CAAN, aínda que en principio atópanse en bo estado de saúde.

Só 24 horas despois recolléronse outros 9 cachorros que contan con quince días de idade. Son 8 machos (Floro, Lou, Mío, Valdo, Pazo, Bico, Cobo e Sil) e unha femia (Lis) e están a ser aleitados pola súa nai, Quina, que puido tamén ser recuperada xunto aos animais nunha silveira en Dena (Meaño). Afortunadamente todos e todas están tamén en bo estado.

Os quince cachorros estarán no CAAN ata completar a súa recuperación e, se todo vai ben, poderán saír en adopción nuns meses, tras completar o cadro de vacinación.

Comentarios