O CAAN rexistra unha mascota adoptada cada día na provincia

A nova campaña de sensibilización reflíctese nun aumento da taxa de cans acollidos por novas familias
 

As instalacións do centro CAAN. ARCHIVO
photo_camera As instalacións do centro CAAN.

O Centro de Acollida e protección de Animais, situado en Meis e tutelado pola Deputación de Pontevedra, acumula xa catro anos de funcionamento e 48 concellos da provincia adheridos. A finais do mes pasado lanzou a campaña de sensibilización ‘Abre os ollos contra o abandono’, protagonizada por un vídeo no que se apela á responsabilidade na tenza e coidado de mascotas.

A deputada delegada do CAAN, Eva Vilaverde, afirma que con este novo formato audiovisual procuran chegar a un segmento máis amplo da poboación e que xa se está conseguindo. "Sempre temos un repunte despois das campañas, e iso, sumado a que no verán se adoita percibir un ascenso no número de adopcións, fai que o mes de agosto vaia camiño de superar a media mensual habitual, que é aproximadamente dun animal recollido por unha nova familia por día. De todas formas, estamos convencidos de que o impacto desta campaña seguirá notándose tamén ao remate do verán", explica a nacionalista.

O vídeo de ‘Abre os ollos contra o abandono’ amosa a un neno que vai medrando xunto a un can ao que, segundo se fai maior, vai deixando de prestarlle atención para centrarse noutras ocupacións, ata finalmente abandonalo. Segundo Vilaverde, a campaña pretende así amosar que "non existe un perfil acoutado das persoas que abandonan cans". "Son xente de todas as idades e segmentos sociais que non responden a ningún estereotipo de ‘perfil criminal’. Moitas veces o abandono é propiciado polo descoñecemento, a falta de coidados ou de sensibilidade… Entre as persoas que abandonan cans están familias, xente que se aburre do animal… Os casos son múltiples", engade.

Os abandonos de cans afectan a todas as especies e prodúcense durante todo o ano, aínda que existen certos repuntes no remate da tempada de caza e no verán, asociado ás vacacións".

A taxa de abandono permanece constante desde hai anos, se ben a de adopcións leva tempo aumentando, e por ese motivo o CAAN procura centrar os seus esforzos na erradicación do abandono mediante a concienciación no respecto e na responsabilidade que supón a tenza de animais.

Para a deputada delegada do centro é fundamental o "traballo na sociedade e a educación de nenos e familias, colaborando tamén coas protectoras". Neste eido, a Deputación sacou o pasado 20 de xullo unha liña de subvencións para axudar a incrementar o número e o alcance de obradoiros e campañas de sensibilización. A Administración provincial agarda que isto se reflicta na redución das taxas de abandono, que na provincia de Pontevedra son lixeiramente superiores á media estatal.

Paralelamente, na primeira quincena de xullo deseñouse un proxecto de mellora das instalacións. Os investimentos irán destinados principalmente ao incremento das esterilizacións para cubrir as de todos os animais que saian en adopción e á ampliación das zonas de clínica e hospitalización para poder cumprir este obxectivo. Farase tamén unha zona de socialización para os animais "máis ampla e cómoda para poder pasealos". En setembro sacarse a licitación de obra para este proxecto, que permitirá tamén que as instalacións estean adaptadas para a visita de grupos de escolares, previstas no plan de concienciación e educación.
 

Comentarios