Os cachorros abandonados nun contedor de Sanxenxo recupéranse no CAAN

O centro da Deputación tamén recolleu o venres dúas cadelas de dous meses abandonadas coa súa nai en Vilaboa
Lúa e os seus cachorros, no CAAN. DP
photo_camera Lúa e os seus cachorros, no CAAN. DP

Os seis cachorros arroxados nun contedor do lixo en Sanxenxo a semana pasada recupéranse coa súa nai no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Os cans chegaron nun "estado moi delicado", con apenas horas de vida e unha grave hipotermia. Agora, segundo fontes do centro, evolucionan de xeito favorable, aínda que pola súa curta idade seguen a ter un gran risco. 

Os cachorros son catro femias —bautizadas cos nomes de Brisa, Brétema, Laias e Centella— e dous machos —Mauro e Allo—, que foron recollidos nun dispositivo da Garda Civil e a Policía Local de Sanxenxo tras ser abandonados.

Unha investigación do Seprona permitiu localizar o propietario, contra o que se instruíron dilixencias como suposto autor dun delito de maltrato animal. O dono permitiu que a nai dos cachorros, Lúa, fose levada ao centro da Deputación para aleitalos.

De seguir a súa boa evolución, sairán en adopción unha vez teñan completada a súa pauta de vacinación, aproximadamente aos tres meses de idade.

Mini e Lola, no CAAN. DP

Estes non foron os únicos cachorros recollidos polo CAAN nos últimos días. Persoal do centro desprazouse a Vilaboa o pasado venres tralo aviso de Protección Civil para recoller tamén unha nai, Tela, e as súas dúas crías, Mini e Lola, que teñen dous meses e medio. Apareceron abandonadas na zona de Postemirón. Os animais evolucionan favorablemente.

Comentarios