Carmela Silva: "O PP vai ter peores resultados a nivel municipal que en 2015"

Tres anos despois de tomar posesión a presidenta mira cara a próxima cita que vai supoñer a permanencia ou a marcha do primeiro Goberno de esquerdas na historia moderna da institución

Carmela Silva. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Carmela Silva. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A PRESIDENTA provincial comeza a entrevista lanzando unha bola de ferro, pero non en sentido figurado. É unha bola de petanca, despois de que os maiores que se xuntan case a diario para xogar ao lado do Pazo Provincial chamen por ela nada máis vela baixar polas escaleiras do edificio, onde o fotógrafo do Diario lle pediu que posase. Os xogadores bérranlle animándoa a probar e ela anímase e proba. Aínda que non ten a habilidade do seu fillo co balón, tampouco lle pega nada mal coa zurda.  Será porque é de esquerdas e, ademáis, presume de selo. 

Que foi o peor e o mellor destes tres anos na Deputación?
O mellor, darlle a esta institución un xiro de 180 graos e conseguilo en só tres anos. O peor, ter que dar resposta a moitas irregularidades en proxectos que, nalgúns casos, tivemos que paralizar para logo retomar e, noutros, adicarlle un enorme esforzo para tentar legalizalos. Iso, ademáis de quitar enerxías, tamén dá desgustos, porque un non quere que a Administración se vexa afectada a nivel económico. Pero a estas alturas iso está solventado e, con respecto a estes tres anos de xestión, poñer un sobresaínte quedaría curto.

Cando vostedes chegaron á Deputación eran un Goberno socialista e nacionalista dentro dunha comunidade autónoma e dun Estado gobernados polo PP, ademais, cun presidente e unha ministra de Fomento de Pontevedra. De súpeto iso cambiou. A chegada dun Executivo socialista a España e de Pedro Sánchez á Moncloa vai abrir vías de colaboración para esta Deputación diferentes ás que había ou non vai supoñer diferencia para esta provincia?
Mire se cambiou a situación, que para os primeiros días de agosto xa teño pechada unha reunión co novo delegado do Goberno. E non o tiven que chamar eu, foi el quen o fixo. Nestes tres anos, o seu predecesor no cargo non me chamara nunca para falar sobre as necesidades da provincia que teñen que ver coas competencias do Estado. É certo que o novo Executivo ten 84 deputados e é moi difícil gobernar se enfronte tes unha oposición como o PP e Ciudadanos, que van tentar afogalo. Pero claro que se abren novas perspectivas e vías de diálogo que antes non había, como tampouco as hai coa Xunta. O vicepresidente Mosquera e eu só nos reunimos unha vez con Núñez Feijóo. Trasladámoslle a necesidade de transferir competencias que esta Deputación está asumindo sen ser súas, pero a súa resposta foi a calada e, pese a que nós lle enviamos toda a documentación que nos requeriron, non houbo ningún novo contacto. A relación coa Xunta é cero.

Que peticións lle vai trasladar ao delegado do Goberno?
Temos que falar das infraestruturas estatais na provincia, moi particularmente aquelas polas que transcorre o Camiño da Santiago. 2021 vai ser ano Xacobeo e temos que ter toda a provincia pulida. Tamén falaremos do AVE e da loita contra as violencias machistas para ter unha folla de ruta común. Vivimos na provincia galega con máis industria, así que tamén debemos falar diso, e quero coñecer 
que plans ten o Executivo español para crear emprego de calidade. Porque cambiara o Goberno, as miñas demandas non cambian. A diferenza é que creo que agora si vai haber sensibilidade.

"Porque cambiara o Executivo de España, as miñas demandas para a provincia non cambiaron; a diferenza é que agora si vai haber sensibilidade"

E sobre a eliminación da peaxe de Rendondela e a cuestión de Audasa coas obras na ponte de Rande?
Ao día seguinte de tomar posesión Pedro Sánchez, Feijóo e os demais dirixentes do PP empezaron a reclamar o que eles non fixeron en todos estes anos. A gratuidade da peaxe Vigo-Redondela ten que ser sí ou si, pero agora sabemos que non tiñan nada negociado. Ensináronnos a portada dun documento e non deixaron ver o que había dentro, porque non hai nada. Eu sigo reclamando que esa peaxe sexa erradicada porque é inxusta. Tamén eran insostibles as retencións que sufrimos durantes meses en Rande. A responsable sería a concesionaria, pero tamén o Goberno de Rajoy, que veu inaugurar cando as obras aínda non estaban rematadas para que se puidese incrementar a peaxe. A xente non é idiota e ten memoria. O  AVE directo a Vigo-Pontevedra estaba nun caixón e agora veñen reclamar investimentos. Hai que ser serios. Se eles en sete anos non o fixeron, non pretenderán que o faga este Goberno nun mes ou nun ano.

Hai uns días o vicepresidente provincial dicía que entre a Deputación e a Xunta hai actualmente un armisticio. Vostede non o cre?
A situación ten variado porque a Xunta deuse de conta de que a confrontación total non lle funcionaba, pero cada vez que ten oportunidade intenta confrontar. Cando hai unha catástrofe cuxa solución é competencia exclusiva do Goberno galego tenta implicar a esta Deputación e cada vez que hai un Pleno tenta traer aquí debates que nada teñen que ver coas nosas competencias.

Un dos asuntos nos que falta entendemento entre ambas administracións é a xestión das emerxencias. Está lonxe o consenso?
A Xunta non quere chegar a acordos. Nós plantexamos coñecer cales son as eivas e estudar como facerlles fronte. Dicímoslle á Xunta que fale con Vigo e Pontevedra, pero sen pretender un modelo no que os que teñan que facer fronte a todas as responsabilidades sexan dous concellos que nada teñen que ver coas emerxencias de toda a provincia.  A Xunta veulle plantexar ao Goberno municipal de Pontevedra que se fixese cargo da comarca. Iso non é serio e así non podemos chegar a acordos. Recentemente, a Fegamp convocou a todas as deputacións e aos concellos para falar dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal). Plantexouse unha financiación do 60% por parte da Xunta, do 35% polas deputacións e do 5% polos concellos e non houbo ningún problema. Concordamos os catro gobernos provinciais pese a non ter a mesma cor política. Por que non somos capaces de chegar a acordos coa Xunta? Porque o seu Goberno quere facer deste tema un campo de batalla.

Con quen non foi a menos a tensión nestes anos foi co PP provincial. Vaise incrementar a medida que se acerquen as eleccións?
Non sei se é posible máis conflictividade, porque cando o único obxectivo é montar lea… Temos moita sorte de ter unha oposición carente de ideas. A última foi acusarnos de tentar manipular aos funcionarios.

"Se os xulgados din que os concellos que reclamaron entrar no plan de reequilibrio teñen dereito a facelo, eu estaría encantada"

Con respecto a iso, o PP amosou un texto usado nun curso de actualización ortográfica que falaba mal do PP e ben de Pedro Sánchez.
O anterior director de gabinete de Louzán chamou a Recursos Humanos para preguntarlle como se facía a formación na Deputación e a funcionaria responsable explicoullo: hai un acordo coa Universidade e esta é a que elixe aos docentes que van impartir os cursos e eles son os que elixen os materiais. Eu nunca elixiría ese en concreto, pero, como pretenden culpabilizar a este Goberno por un texto que escolleu un profesor da Universidade e que saira publicado nun medio de comunicación? Hai que ser máis serios.  

Outra das acusacións que lles fai o PP é non tratar igual aos concellos do seu partido.
Gobernamos con equidade total, respecto a autonomía municipal e criterios obxectivos. O PP tamén di que eu non recibo aos alcaldes do seu partido e por iso no vídeo dos tres anos decidimos que se mirara como me reunín con todos os da provincia. Nas fotos saen moi sorrintes comigo, co vicepresidente e cos deputados. Os alcaldes, tamén os do PP, están moi contentos ao ver que, en vez de seguir practicando o caciquismo do anterior presidente, agora teñamos criterios obxectivos e cero euros de libre disposición. O que pasa é que o señor Rueda non lles deixa dicir publicamente que están contentos. Ao contrario, tenos ameazados e se din algo positivo chámanos por teléfono para dicirlles que por aí non van ben. Queda pouco tempo para as municipais e sei que van arreciar as críticas.

No Plan de Reequilibrio Territorial houbo algúns concellos que non estiveron de acordo con quedar excluídos e acudiron á vía xudicial. Solucionáronse esas discrepancias?
Nese plan había unhas bases claras e os proxectos foron analizados por técnicos, sen que os políticos tivesemos nada que ver. O programa estaba dotado con 18 millóns de euros e só investimos 15, porque había varios proxectos que, segundo os técnicos, non cumprían as bases e por iso non puidemos esgotar o total dos fondos. En todo caso, eu son moi respectuosa cos dereitos dos concellos. Dous deles consideraron que deberían entrar no plan e así o reclamaron pola vía xudicial. Non teño nada que criticar porque así é o Estado de dereito. Faltaría máis. Os xulgados decidirán quen ten razón e eu non tería ningún problema se din que eses proxectos teñen dereito a ser incluídos no programa. Se así fose, estaría encantada, porque  poderiamos sumar esas actuacións e chegar aos 18 millóns que tiñamos previstos.

Vostede di que está convencida de que este Goberno vai repetir no próximo mandato. Que a fai estar tan segura, tendo en conta que neste tempo houbo algunhas mocións de censura que reconfiguraron o mapa político provincial?
Estou convencidísima de que imos manter os gobernos progresistas que xa hai e recuperar algún concello da provincia. Tamén de que o PP vai ter peores resultados que en 2015, cando a crise económica o axudou a posicionarse mellor a nivel municipal, pois agora vai ocorrer o contrario. As siglas do Partido Popular restan votos. O señor Rueda di cando ten ocasión que o PP vai recuperar a Deputación, pero iso non vai suceder.

Se obtivesen uns resultados similares aos de hai tres anos, repetiría o pacto co BNG?
Sen ningunha dúbida. Deu uns resultados extraordinarios e incluso me emociona ver como dous grupos políticos distintos fomos capaces de traballar xuntos francamente ben. Quérollo agradecer ás 14 deputadas e deputados e particularmente a César Mosquera, que axudou moito a que iso fose así.

E se se dese o caso, gustaríalle seguir á fronte da Deputación?
Son profundamente demócrata e, no caso do meu partido, son as e os militantes os que, nun congreso provincial, deciden quen encabeza o Goberno da Deputación. Eu síntome agradecidísima de que no ano 2015 me elixisen a min e en 2019 terá que volver decidir a militancia. Para min sería un privilexio e unha honra, porque estou encantada de ter sido a presidenta da Deputación e, sobre todo, porque unha das miñas preocupacións é que as listas as encabecen mulleres e que se visibilicen nos postos de poder, pois así, con elas, chegarán todas as demais.

Ademáis dos programas en marcha, van presentar algún novo neste ano que resta de mandato?
O que tiñamos comprometido está en marcha ao 100%, pero somos un Goberno atento ao que acontece fóra das paredes da institución e sempre xorden ideas. Hai unha cuestión coa que me gustaría que fosemos pioneiros en España, que é ir desenvolvendo un proxecto que teña en conta os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) marcados pola ONU e que van ser de obrigado cumprimento. Teñen que ver co tratamento dos residuos, co coidado dos mares e dos montes, coa igualdade, coa loita fronte á pobreza, cun emprego de calidade, coa innovación... Estamos analizando que recursos temos que poñer en marcha para cumprilos e gustaríame presentar ese gran proxecto para comezos de 2019.
 

"Pareceume moi ridículo ver a Feijóo chorar por ter que quedar en Galicia, non por amor a ela"
Preferiría que Feijóo tivese marchado para Madrid?
Impórtame bastante pouco o que faga Feijóo a nivel persoal, pero creo que sería un drama para España que un mal presidente da Xunta, sen un modelo de desenvolvemento na nosa terra, marchase a Madrid e trasladase a España o mal que o fixo aquí.  O que si me pareceu moi ridículo foi velo chorar por ter que quedar, porque se chorou non foi por amor a Galicia. Unha escenificación moi esperpéntica.
Tamén llo pregunto porque, se Feijóo tivese marchado de Galicia, quizais Alfonso Rueda asumise máis responsabilidade na Xunta e iso o alonxara do ámbito pontevedrés e, polo tanto, de poder centrarse máis no obxectivo do PP provincial de recuperar a Deputación nas próximas municipais; mesmo na posibilidade de presidila se os resultados llo permiten.
Pero, o señor Rueda está na provincia de Pontevedra? Porque nestes tres anos pódense contar cos dedos das mans as veces que estivo aquí falando de proxectos para esta provincia. El vai a cabalo dos resultados do PP a nivel do Estado e de Galicia, aos que aquí xa se lles está poñendo fin para ben da cidadanía galega; pero non ten perfil propio e nunca arrisca nada. Para ser presidente da Deputación ten que ir nunha lista municipal e ser concelleiro. Vaise presentar nalgunha? Ademais, o PP vai ter peores resultados que nas municipais de 2015 porque a xente é moi intelixente e non vota ao pasado. O PP acaba de elixir un novo presidente, Pablo Casado, que é a ultradereita. A primeira proposta que fixo pública foi que, se chega a gobernar, volverá á lei do aborto do 85. Iso é volver a outra época á que non lle quero poñer calificativos.
Esperaba que o PSOE, que hai pouco estaba atravesando unha grande crise interna, ía estar hoxe reconstruído e na Moncloa?
Pois non. Hai un ano non o pensaba. Era unha situación complexa, había que reconstruír o partido e estaba preocupada, pero tamén tiña a seguridade de que nos iamos refacer. Sucedeu máis rápido do que eu esperaba, o que me satisface moito. Escoitar ao actual presidente do Goberno dicir que vai apostar pola igualdade, por unha política económica sostible, por un modelo baseado nas enerxías limpas, que hai que subir o salario mínimo... Todo iso éncheme de orgullo. Agora só queda que os partidos progresistas sexamos capaces de cambiar tamén Galicia e espero que pronto o poidamos conseguir.
Unha das súas bandeiras é o feminismo. Cre que o 8-M supuxo un antes e un despois, que nestes tres anos a provincia ten avanzado nese ámbito e que as accións emprendidas por este Goberno teñen axudado nese obxectivo?
Antes nesta Deputación a igualdade non existía, nin sequera había unha área adicada a ela. Nós non só creamos esa área, senón que é unha política transversal en todas as accións deste Goberno. Temos elaborado moitísimos programas e proxectos que visibilizan a esta provincia como a referencia en Galicia. Non hai ningunha outra Administración que teña visibilizado tanto que a igualdade é unha prioridade e penso que temos influído moito en que hoxe, desde todos os eidos, se faga un traballo para que as mulleres teñan presenza. Si, o 8-M marcou un antes e un despois grazas á resposta das mulleres e tamén de centos de miles de homes que nos acompañaron. A partir de aí empezaron a aparecer visibles desigualdades das que antes non se falaba e tamén reclamacións que estaban invisibilizadas. Quero recoñecer o compromiso de varios colectivos no 8-M, o de todas as que durante anos defenderon a igualdade pese a ter un contexto moi complicado para facelo; o das xornalistas, que crearon un efecto multiplicador na folga, e tamén ás mulleres do mundo da xustiza, todas con moita capacidade de incidir na conciencia colectiva. Certamenente, o século XXI será das mulleres, porque o anhelo de igualdade é imparable.
 

Comentarios