lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Os castros de Toiriz, Subidá e Alobre estarán musealizados no verán de 2020

Castro da Subidá, en Marín. DP
Castro da Subidá, en Marín. DP
Silva anima ás empresas galegas a presentar ofertas despois de que Fomento licitase os proxectos cun orzamento base de 600.651 euros

"O vindeiro verán poderemos ver os castros de Toriz, Subidá e Alobre totalmente restaurados e musealizados". Así o afirmou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, despois de que o Ministerio de Fomento anunciase esta mesma semana o inicio do proceso de licitación para musealizar este primeiro lote de xacementos galaico-romanos incluídos no protocolo que manteñen ambas as dúas institucións para a posta en valor dos castros da provincia.

En concreto, os proxectos para estes tres conxuntos situados en Silleda, Marín e Vilagarcía dispoñen dun orzamento base de 600.651,78 euros e as adxudicatarias terán catro meses para executalos dende a a sinatura do contrato. Silva animou ás empresas galegas a presentar ofertas para este procedemento, cuxo prazo de apertura se manterá aberto ata o 12 de novembro.

As obras a realizar en Toiriz, Subidá e Alobre consistirán en traballos previos, pavimentación, dotación de mobiliario e sinalización, tratamento da paisaxe e melloras dos accesos. Ademais, en todos eles se situarán paneis que incluirán unha liña temporal co seu encadre cronolóxico, información xeográfica e sociocultural, datos da contorna da escavación e trazas na paisaxe, entre outros datos.

A presidenta da Deputación tamén aproveitou a ocasión para informar sobre a situación do resto dos xacementos enmarcados no protocolo asinado co Ministerio. "Temos xa en Patrimonio o segundo lote con outros sete xacementos cuxos proxectos están rematados, é dicir, só están pendentes do informe de Patrimonio da Xunta de Galicia. Trátase dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros e Igrexa Vella en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cerdedo-Cotobade. Finalmente, respecto ao terceiro e último lote dos xacementos, xa están en fase de redacción os proxectos de Taboadexa nas Neves, Troña en Ponteareas, Trega na Guarda, Facho en Cangas, Cabeciña en Oia e Castrolandín en Cuntis", sinalou a dirixente.

Os castros de Toiriz, Subidá e Alobre estarán musealizados no verán...
Comentarios