
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra catopou un novo fogar a 302 cans e cadelas no que levamos de ano, segundo informa a institución provincial. Nun comunicado, sinala que, de seguir esta tendencia, pechará o 2020 superando as 466 adopcións do pasado 2019 e que supuxeron o seu récord. E iso a pesar de que as adopcións estiveron practicamente suspendidas desde o inicio do estado de alarma o 14 de marzo ata o 11 de maio, cando comezou a fase 1 da desescalada. Dende entón, houbo 208 adopcións.
En xuño foron 57 os cans e cadelas que saíron das instalacións da Armenteira, mentres que en xullo foron 62 e na primeira metade de agosto houbo un total de 24 adopcións. Dende 2015 van xa preto de 2.000.
As persoas interesadas en adoptar deben solicitar a cita no teléfono 986 140 360
A outra cara da moeda está nas recollidas que segue a efectuar o persoal do CAAN. Ata o 16 de agosto, foron un total de 747, cunha media de 99,6 por mes, que porén é menor á de 126,8 mensuais do pasado 2019, anualidade que se pechou con 1.332 recollidas.
Do total de animais recollidos, 216 cans e cadelas foron entregados aos seus donos no lugar do aviso, mentres que outros 134 foron recollidos xa no centro polos seus propietarios e propietarias. Sumados ás 302 adopcións, supoñen unha cifra de 652 animais recuperados polo persoal do CAAN e que, ou ben volveron ao seu fogar, ou atoparon un novo.
Coa incorporación este ano de Ponteareas e O Porriño, son xa 50 os concellos da provincia pontevedresa que están adheridos a este servizo da Deputación para a recollida de animais. Recentemente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou as obras de reforma do centro.
As persoas interesadas en adoptar deben solicitar a cita no teléfono 986 140 360.