Os concellos da comarca atenden ao SOS do planeta

A emerxencia climática toma protagonismo hoxe coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Os concellos da comarca de Pontevedra sumáronse nestes días á chamada do planeta para concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe, o crecemento sostible, a saúde dos océanos ou o valor das árbores.
Uns 200 escolares limparon as praias de Sanxenxo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Uns 200 escolares limparon as praias de Sanxenxo. GONZALO GARCÍA

AÍNDA QUE é este sábado cando se festexa o Día Mundial do Medio Ambiente, en moitos concellos as actividades para celebralo comezaron xa este venres e noutros casos extenderanse ao longo do mes. Plantar un carballo, obradoiros de reciclaxe ou limpezas de praias serven para conmemorar a xornada e atender ao SOS do planeta.

No Concello de Poio, por exemplo, o alumnado do CEIP Chancelas simbolizou o seu compromiso co medio ambiente coa plantación dun carballo no patio do centro educativo. Esta actividade enmárcase dentro da campaña #UnÁrbolPorEuropa e á mesma acudiu a concelleira de Educación poiense, Raquel Rodríguez. "O futuro do noso planeta está en xogo e son as nosas crianzas as que o van herdar, polo que é importante conseguir que se impliquen no seu coidado", declarou a edil.

undefined

En Sanxenxo, os pequenos tamén atenderon a chamada do planeta, de xeito que uns 200 alumnos dos colexios Magaláns, A Florida, Portonovo, Nantes, O Cruceiro e O Telleiro participaron na actividade ambiental de limpeza das praias de Area de Agra, Nanín, Major, Baltar, Areas Gordas e A Lapa. Os residuos máis recollidos foron mascarillas e outros obxectos de plástico. En Caldas de Reis, o alumnado dos centros educativos participou ao longo de toda a semana en obradoiros sobre reciclaxe selectiva e boas prácticas medioambientais.

undefined

O Concello de Pontevedra sumouse ás actividades coa instalación dunha carpa informativa sobre a compostaxe, na que se entregou unha bolsa de compost e plantas aromáticas á veciñanza que se achegou.

undefined

A subdelegada do Goberno, pola súa parte, visitou as Salinas do Ulló acompañada polo alcalde de Vilaboa, César Poza. Na súa visita, Maica Larriba subliñou o valor medioambiental da contorna, así como o traballo feito pola Dirección Xeral de Costas para recuperar a paisaxe.

undefined

As empresas privadas tamén se mobilizan con motivo do Día do Medio Ambiente. Deste xeito, Afundación organizou para hoxe unha recollida de lixo para a limpeza doas areais da illa de Ons ao longo da mañá deste sábado con voluntarios.

No mesmo contexto, a Deputación de Pontevedra desenvolverá varias iniciativas cun obxectivo común: permitir á cidadanía reconectar coa natureza e animala a implicarse no seu coidado, amais de promover a provincia como destino sostible. En total, ofertará 710 prazas para todas as súas actividades.

A primeira delas leva por título "Bosques Terapéuticos" e inclúe 600 prazas para as 40 visitas que se farán ata o 25 de setembro (todos os sábados e domingos, e nos meses de xullo e agosto, tamén os venres) a nove espazos naturais da provincia. Este venres abriuse o prazo de inscrición para as rutas programadas este mes e as persoas interesadas poden apuntarse a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal).

A segunda proposta da institución provincial será a sexta edición de "Voando nas Rías Baixas", un programa de rutas ornitolóxicas coa colaboración de SEO Birdlife, que comenzará o día 20. A novidade deste ano será a incorporación da Serra do Cando ao catálogo de zonas de observación. A inscrición para tomar parte na primeira das visitas, ás Brañas de Xestoso, abrirase o luns 7 .

A terceira proposta da Deputación é sumarse ao "Proxecto Libera" (promovido tamén por SEO/Birdlife en alianza con Ecoembes) baixo o lema "1m² contra a basuraleza". Trátase dunha mobilización a nivel nacional que se fará o día 12 para recoller lixo nas contornas naturais. Neste caso, o lugar elixido é a Praia Maceira, no concello de Covelo, na comarca da Paradanta. Ofertaranse 10 prazas para que persoas voluntarias participen no evento.

A cuarta iniciativa é o concurso "Reacción polo Clima" e, neste caso, a Deputación xa está a valorar os oito traballos audiovisuais presentados pola mocidade da provincia. Nesta segunda edición do certame a Deputación incrementou a contía global dos premios, que ascende a un total de 4.000 euros.

Comentarios