Os concellos da ruta do Mar de Arousa e Río Ulla incorpóranse á Mesa do Camiño

Os municipios polos que discorre o itinerario xacobeo son Sanxenxo, Meaño, Catoira, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Pontecesures, Valga, Caldas e Vilanova
Dúas pergrinas chegando ao albergue de Pontevedra. R. FARIÑA/ ARQUIVO
photo_camera Dúas pergrinas chegando ao albergue de Pontevedra. R. FARIÑA/ ARQUIVO

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño promovida pola Deputación para impulsar os camiños xacobeos da provincia. Trátase de Sanxenxo, Meaño, O Grove, Catoira, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Vilanova, Valga, Pontecesures e Caldas, cuxos alcaldes (ou ben a persoa na que deleguen) poderán participar xa na próxima reunión da Mesa (os tres últimos xa estaban ao formar parte do Camiño Portugués).

Así o refrendaron as e os asistentes á reunión telemática celebrada este martes , na que participaron, ademais da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; os rexedores da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior e Vilaboa e edís de Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Con respecto á votación sobre a entrada dos novos concellos, o representante da Xunta abstívose ao non atenderse a súa demanda para a incorporación tamén dun representante da agrupación de concellos Mar de Santiago, que integra só a unha parte dos municipios da ruta.

Por outro lado, tamén pasará a integrar a Mesa o concello do Rosal, que, a pesar de estar no Camiño Portugués da Costa, aínda non formaba parte do órgano da Deputación.

Máis alá da súa nova composición, a Mesa amosou o seu apoio ás demandas dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Baiona en relación á problemática do transporte en ferri entre A Guarda e Caminha, pendente do arranxo do pantalán da Guarda por parte da Xunta e, neste senso, acordouse trasladar a Portos de Galicia a reivindicación sobre a necesidade de reparalo á maior brevidade.

'Camiños do sur'. Sobre as actuacións realizadas e proxectadas pola Deputación para promocionar e mellorar os itinerarios xacobeos da provincia, a Mesa sinalou que entre as vindeiras actividades está a apertura da exposición 'Camiños do Sur', que a partir de abril percorrerá cinco concellos polos que transcorre o Camiño Portugués, promocionando este itinerario cultural europeo e os recursos turísticos da contorna.

Tamén se puxeron sobre a mesa as realizadas ao longo de 2021, incluíndo as campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas e medios especializados ou o vídeo promocional estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e a presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Destacouse, así mesmo, a aprobación dun investimento de dous millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística no Destino de Deza-Tabeirós-Montes dentro da convocatoria do Ministerio de Industria Comercio e Turismo do Plan Nacional Xacobeo.

A Deputación tamén levou a cabo actuacións en materia de seguridade peonil, sinalización, mantemento e mellora do itinerario.

No caso do Camiño Portugués, acometéronse obras de calmado de tráfico en Valga-Martores, Caldas, Portas, Barro (Curro-Portela) e Soutomaior. Tamén se procedeu ao ensanche na estrada EP-2906 Os Valos- Guizán (Redondela) e está case rematada a humanización de San Amaro en Barro.

Ademais, foron remitidos aos concellos os proxectos dos tramos Tomeza-Figueirido (Pontevedra); Mos-Puxeiros (en Mos) e para a mellora da mobilidade peonil na rúa do Parque en Caldas de Reis.

Comentarios