O concurso para elixir o deseño da ponte sobre o Miño xa ten tres gañadores

A ponte peonil sobre o Miño pretende ser unha ferramenta para crear o primeiro parque transfronteirizo da península ibérica entre o Espazo Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho

Os participantes no acto celebrado este xoves no Pazo Provincial amosan os deseños gañadores. DP
photo_camera Os participantes no acto celebrado este xoves no Pazo Provincial amosan os deseños gañadores. DP

Álvaro Siza e Jorge Amorín Nunes, Francisco Javier Zubia e Paula Teles, e Ginés Garrido e Alejandro Bernabeu veñen de copar os tres premios do concurso de ideas celebrado pola Deputación para elixir o deseño da nova ponte peonil sobre o río Miño entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, o xurado escolleu as propostas practicamente por unanimidade. Benítez manifestou o seu entusiasmo polo resultado e subliñou que calquera das tres ideas gañadoras, que recibirán un premio de 10.890 euros, servirá para "poñer o río Miño no mapa internacional" polo seu atractivo. O nacionalista explicou que o procedemento para a selección do proxecto final segue agora coa invitación aos autores gañadores para a redacción do anteproxecto da ponte. O contrato para redactar este anteproxecto adxudicarase ao gañador definitivo por un importe de 54.450,00 euros, e agárdase poder telo resolto no que queda de 2018.

"É un fito histórico e inédito que se tivera convocado un concurso de ideas internacional por parte da Deputación de Pontevedra con técnicos galegos e portugueses no xurado", explicou o deputado nacionalista.

A presidenta provincial, Carmela Silva, tamén se mostrou "encantada" co resultado da selección e agradeceu o labor do xurado.

A ponte peonil sobre o Miño pretende ser unha ferramenta para crear o primeiro parque transfronteirizo da península ibérica entre o Espazo Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira.

Comentarios