Sen consenso en Moraña para aprobar ningunha das mocións sobre Pediatría

PP e BNG censuráronse mutuamente as súas propostas e o Pleno acabou sen petición ao Sergas

Luisa Piñeiro J L OUBIÑA
photo_camera Luisa Piñeiro. J. L. OUBIÑA

A restitución do servizo de Pediatría no centro médico de Moraña, un dos temas que máis preocupan á vecindade nas últimas semanas, foi punto de debate no Pleno celebrado o martes no Concello de Moraña, aínda que os grupos políticos non atoparon o consenso suficiente como para aprobar ningunha das mocións presentadas ao respecto.

O grupo do PP, e en especial a alcaldesa, Luisa Piñeiro, amosaron a súa crítica ao BNG por impedir que se votara no Pleno a moción elaborada polo Goberno municipal e que pretendía reunir o consenso de todas as formacións da Corporación para dirixirse ao Sergas. O documento presentaba un fallo de forma, ao carecer de sinatura dixital, e o BNG rexeitou votar a urxencia. A propia Luisa Piñeiro lembrou que noutras ocasións si se ten aceptado votar a urxencia de mocións que presentaban o mesmo fallo de forma, ao ser este subsanable dentro da legalidade. A negativa do BNG funcionou como veto á moción do PP, mentres que a proposta dos nacionalistas, tamén encamiñada a pedir a restitución do servizo, foi rexeitada cos votos do PP. Neste caso, a alcaldesa non admite que os nacionalistas centren a crítica na súa acción, dado que «na mesma acúsase falsamente á rexedora de non facer nada cando lleva dous meses traballando a diario neste asunto, do que xa dixo que era a súa máxima preocupación».

Piñeiro xa adiantou que o seu texto volverá ser debatido en Pleno e insistiu en que «a restitución do pediatra en Moraña depende exclusivamente de que apareza un profesional, que agora mesmo non hai, e de que sexa dirixido ao noso Centro de Saúde polo Sergas. A estratexia de crítica e confrontación emprendida polos concelleiros do BNG non vai acadar ese obxectivo».

BNG e PSdeG de Moraña critican a situación xerada no ambulatorio da vila, que carece de pediatra desde que se fixo efectivo o concurso de traslados, a finais de outubro. Os dous partidos, que consideran que o Goberno local debería reivindicar con máis dureza este servizo, xa participaron na manifestación convocada polo Concello de Cuntis a semana pasada polo mesmo motivo.

Comentarios