Aprobado o paso á xestión 100% pública dos parques comarcais de bombeiros

O Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios aprobou por unanimidade o cambio de modelo, que entrará en vigor o 1 de xuño
Participantes de Deputación no Pleno do Consorcio Contra Incendios celebrado por videoconferencia cos representantes da Xunta. DP
photo_camera Participantes de Deputación no Pleno do Consorcio Contra Incendios celebrado por videoconferencia cos representantes da Xunta. DP

O Consorcio Provincial Contra Incendios, integrado pola Deputación e a Xunta, aprobou este xoves a memoria para pasar a un modelo de xestión directa dos seus parques comarcais de bombeiros (situados en Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa). O Pleno do organismo deulle o visto bo, por unanimidade, ao texto que regula os aspectos sociais, xurídicos, económicos, técnicos e financeiros do novo modelo que entrará en vigor o próximo 1 de xuño. Na sesión, dirixida por Carmela Silva como presidenta da Deputación, participaron o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, ademais dos representantes da institución provincial, Carlos Font e Santos Héctor , así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o novo delegado en Pontevedra, Luis López, que tomou posesión como vogal no Consorcio.

Nesta memoria conclúese que a forma de xestión máis sostible e eficiente é a directa, o que implica o pase do servizo de emerxencias e contra incendios na provincia á unha xestión cen por cen pública. Este cambio leva implícita a subrogación do persoal de intervención con carácter de indefinido non fixo ou de interinidade ata a cobertura dos postos con carácter definitivo. O persoal mantén as condicións laborais que tiña co anterior modelo.

A memoria tamén conclúe que a prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que a mesma non supoña un aumento de custes e garanta os dereitos dos traballadores.

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, expresaron o seu recoñecemento e felicitación aos equipos que tiveron que facer un "inxente traballo" para levar a cabo con éxito o proceso do pase á xestión pública. Silva agradeceu o "enorme esforzo para cumprir en tempo e forma co procedemento". 

Villanueva tamén sinalou a "importancia de dar pasos que permitan que os cidadáns conten cun servizo profesional, áxil e eficaz" e quixo destacar a "aposta da Xunta por ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a Comunidade con independencia do lugar de residencia". Así, lembrou que os seis parques da provincia lucense funcionan xa cunha xestión directa desde maio do ano 2019 e os dez que pertencen ao Consorcio da provincia da Coruña, desde o 1 de xaneiro do 2020.

MODIFICACIÓN DE CRÉDITO. O Pleno deu tamén luz verde ao expediente de modificación de crédito para adaptar á nova situación de xestión directa o orzamento 2021 do Consorcio, e aprobou a modificación do cadro de persoal e retribucións para este exercicio. A modificación orzamentaria será ratificada no próximo Pleno da Deputación de Pontevedra para a súa tramitación dentro do Orzamento Xeral da institución provincial.

Tres GES para unha mellor cobertura
A cobertura das emerxencias na provincia mellorará coa posta en marcha de tres novos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal) con base nos concellos da Lama e a Cañiza e, no caso do GES Mos/Redondela, cunha sede en cada un dos dous municipios. O da Lama dará servizo a concellos como Fornelos de Montes, Ponte Caldelas e A Lama, que non estaban asignados a ningún grupo, ademais de a CerdedoCotobade, que contaba cunha cobertura deficiente. No caso do GES da Cañiza, mellorarase a cobertura dos municipios de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente.
Nos municipios dos arredores de Vigo plantexouse un GES con dúas bases, unha delas en Redondela e outra en Mos, que atenderá aos concellos de Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

Comentarios