A Deputación agarda para a ponte da Constitución una ocupación hoteleira do 64% nas Rías Baixas

As previsións efectuadas por Turismo Rías Baixas estiman unha ocupación media provincia de ata 24 puntos por riba do mesmo período do 2016

Pista de hielo. DP
photo_camera Pista de hielo. DP

O organismo turístico da Deputación de Pontevedra estima que a ponte da Constitución, que comeza este mércores, contará cunha ocupación media do 64% nas Rías Baixas. As estimacións medias provinciais, que manteñen a tendencia alcista rexistrada ao longo de todo este ano 2017, supoñen ata 24 puntos por riba do estimado na mesma ponte do 2016, cando se agardaba un 40% de ocupación. 

Turismo Rías Baixas estima que a ocupación máis alta espérase na comarca de Caldas, cun 98% de ocupación hoteleira. Seguen a Caldas, O Condado e A Paradanta co 85% de ocupación e O Salnés co 81% previsto. Para a comarca de Pontevedra, o organismo turístico da Deputación de Pontevedra espera unha ocupación do 70% e para as comarcas do Morrazo así como Vigo, superior ao 52%. Pola súa banda, as estimacións para O Baixo Miño se sitúan no 45% e no 35% para as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

En canto ao turismo rural, Turismo Rías Baixas estima que a ocupación media para a provincia de Pontevedra será superior ao 32%, é dicir, case 20 puntos por riba do estimado na mesma ponte do 2016 para este tipo de establecementos.

De confirmarse estes resultados previstos polo organismo da Deputación de Pontevedra, o 2017 situaríase como o mellor ano turístico da última década. De feito, o pasado verán foi cualificado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como "espectacular, o mellor desde que temos rexistros" ao superar o 83% da ocupación media na provincia de Pontevedra, é dicir, ata cinco puntos por riba do verán do 2016.