A Deputación convida a incorporar propostas ao seu Plan Estratéxico dos Fondos Europeos

Carmela Silva pediu aos concellos que presenten os seus proxectos para capatar o maior fananciamento posible 
Carmela Silva, presidenta da Deputación. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Carmela Silva, presidenta da Deputación. BEATRIZ CÍSCAR

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera reuníronse este luns con representantes de todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para presentarlles o Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos, aos que animaron a presentar as súas propostas. 

Esta iniciativa conta como eixos prioritarios a cohesión territorial, a transición verde, a igualdade e a dixitalización, a través conta con dez programas, 54 proxectos e a mobilización de máis de 300 millóns de euros. 

"Queremos presentar proxectos concretos, exemplificar o que os concellos demandan en cada unha das dez liñas do plan e envialos aos ministerios competentes", sinala Silva, quen insistiu no "enorme esforzo de análise" feito pola administración provincial "para transformar de verdade a provincia de Pontevedra". 

"Temos xa unha planificación e proxectos estrela moi claros para captar o maior número posible de fondos europeos", asegurou, para instar a "traballar moito e facer un gran esforzo" para lograr as contías. 

Mosquera, pola súa banda, pediu aos alcaldes un esforzo por "concretar as ideas, avanzar xestións e tramitar as autorizacións necesarias" dos proxectos que consideren estratéxicos para os seus municipios. 

"Ou nos adiantamos e temos preparados os proxectos ou non vai funcionar. Temos que ser proactivos e non esperar a ver que cae para colocarme", insistiu, apelando a que "se os proxectos están ben feitos sempre serven, se non para estes fondos, para outros". 

Finalmente, Silva insistiu na importancia de "estar nunha boa posición de saída, coas ideas claras", analizando as "grandes liñas" que van poder ser financiadas a partir das necesidades da provincia de Pontevedra e formulando proxectos "para dez anos vista".

ENTIDADES SEN FIN DE LUCRO. Doutra banda, a Deputación provincial publicou este luns a convocatoria e as bases das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para accións no ámbito social e dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade. 

A convocatoria conta cun montante de 470.000 euros e as contías serán dun máximo de 7.000 euros por proxecto, uns 1.000 máis respecto da do ano pasado. 

O prazo de solicitude será de 15 días a partir do seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e deberanse formular a través da sede electrónica. 

Comentarios