lunes. 19.10.2020 |
El tiempo
lunes. 19.10.2020
El tiempo

A Deputación coordina a volta desde varios países europeos dos Erasmus+ de FP

Estudantes de FP. ARQUIVO
Estudantes de FP. ARQUIVO
Catro bolseiros volveron de Italia, Irlanda e Portugal ► O regreso das próximas mobilidades será a partir do 31 de maio

A Deputación de Pontevedra segue a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia do alumnado que estaba a desenvolver a súa mobilidade en cidades europeas e que solicitou a volta ao país pola crise xerada pola Covid-19, segundo informou a institución nun comunicado. Trátase de alumnado de centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra que, desde hai uns meses, está a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos grazas ás bolsas do programa Practicum Depo.

Ata o momento, do total de 35 alumnas e alumnos, doce decidiron retornar a Pontevedra. Así, catro estudantes tiñan previsto o regreso ó seu domicilio ao longo da semana pasada. En concreto, trátase dunha rapaza que realizou unha estadía en Cork (Irlanda), dun alumno e unha alumna cuxo destino foi Italia e, finalmente, dunha estudante que complementou a súa formación con prácticas laborais en Portugal. Ademais, outro dos beneficiarios do programa de mobilidade provincial aínda non decidiu as datas do seu regreso de Italia.

VARIOS PAÍSES. Deste xeito, a Deputación continúa traballando para coordinar as próximas voltas do alumnado, que se realizarán a partir do 31 de maio.

Das 23 bolseiras e bolseiros restantes, nove seguen en cidades de Italia, cinco en Portugal, dous en Malta, dous en Finlandia e cinco en Irlanda. Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Conservación de medio natural, Produción agroecolóxica, Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Actividades Físico-Deportivas, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados de Enfermería, Xardinería e Florería, ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.

O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación co Goberno de España ao través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades, que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todos os participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial co SEPIE, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación, están a manter o contacto e seguemento diarios do alumnado a quen, ademais, se lle transmite a información das medidas de contención en cada país así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran, engade neste mesmo comunicado.

A Deputación coordina a volta desde varios países europeos dos...
Comentarios