A Deputación dará case medio millón a concellos e entidades para loitar contra a violencia machista

Carmen Caeiro, Luisa Silvela, Cristina Pérez e Raquel Álvarez recolleron os Sofía Novoa
Luis López e a deputada Sandra Bastos franquean as catro premiadas. RAFA FARIÑA
photo_camera Luis López e a deputada Sandra Bastos franquean as catro premiadas. RAFA FARIÑA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este xoves da aprobación dunha nova convocatoria de axudas en materia de igualdade por valor de 460.000 euros destinada aos concellos da provincia e as entidades sen ánimo de lucro para a loita contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade.

Fíxoo na oitava edición da cerimonia de entrega dos premios Sofía Novoa, cos que a Deputación premia cada ano os mellores traballos de fin de grado e fin de máster, realizados desde a perspectiva da igualdade, das estudantes universitarias da provincia. "Recoñecemos non só a excelencia académica dos vosos traballos, tamén destacamos a sensibilidade, compromiso coa igualdade e espírito crítico", sinalou o mandatario provincial antes de agradecer o traballo realizado por Carmen María Caeiro Rodríguez, María Luisa Silvela Costoya, Cristina Pérez Carmuega e Raquel Álvarez Martínez.

López remarcou o compromiso do goberno provincial coa igualdade, "que evidenciamos con certames como os Sofía Novoa, os premios Mulleres no Foco ou os centos de cursos, charlas ou obradoiros que programas provinciais como o +Xuntas espalla por todos os recunchos da provincia". De aí a convocatoria dun plan dotado con 460.000 euros a repartir entre concellos e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. "Grazas a esta inxección, tanto os concellos como os colectivos poderán afondar na atención integral ás vítimas e ás persoas ao seu cargo, na axuda á inserción laboral destas mulleres, ou en labores de concienciación tan necesarios para que as vítimas cheguen a cifras inexistentes", remarcou o dirixente.

Unha sociedade "máis xusta e igualitaria" 

Nunha gala conducida pola xornalista de Diario de Pontevedra María Varela e co acompañamento ao piano de Noemi Salomón, López fixo fincapé nas calidades que as catro estudantes premiadas comparten con Sofía Novoa, como son a busca dunha sociedade máis xusta e igualitaria, o feminismo ou o traballo para recoñecer o talento feminino e a súa inclusión en eidos como a educación, a ciencia ou a investigación. 

"Non podo facer outra cousa que darvos as grazas. Grazas polos vosos traballos, que ademais de excelentes, levan á reflexión e a construír unha sociedade máis xusta".

Comentarios