A Deputación destina 4,4 millóns para conservar as vías provinciais

O Pleno aprobar o acordo marco para executar as obras deste ano, que cubrirán toda a provincia dividida en seis zonas de acción
Carmela Silva e Gregorio Agís, na rolda de prensa. DP
photo_camera Carmela Silva e Gregorio Agís, na rolda de prensa. DP

O Pleno da Deputación da este venres luz verde ao novo acordo marco de conservación de firmes das estradas provinciais, que destinará case 4,5 millóns de euros para intervir en todos os concellos durante este ano. As obras distribuiránse en seis lotes, un máis que os cinco da edición anterior. De feito, a presidenta, Carmela Silva, xunto ao deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, puxo en valor "o enorme esforzo económico que facemos este ano, aumentando os investimentos" e lembrou que "manter as nosas infraestruturas ten ademais unha influencia moi directa no emprego e nas empresas".

Silva insistiu en que o obxectivo deste acordo marco "é manter en bo estado todas as infraestruturas porque nos importa a seguridade das veciñas e veciños e non facer política partidaria", a diferencia "do que acontecía seis anos atrás e anteriormente, cando os firmes que se mantiñan eran só os das estradas provinciais onde gobernaba o PP e o resto estaban en condicións deprorables", dixo.

Segundo destacou, agora, só con estes acordos marco, dende o ano 2018 o Goberno provincial investiu xa 17,5 millóns de euros na conservación dos máis de 1.650 quilómetros que ten a rede viaria provincial.

O que se aprobará mañá ten vixencia dun ano, prorrogable ata catro, "e supón traballos para conservar a superficie das vías e a súa estrutura, para que sexan acaídas a un século onde a seguridade viaria ten que ser fundamental para as administracións públicas". Deste xeito, a través desta iniciativa, vaise garantir a viabilidade e seguranza viaria, realizando todo o mantemento da rede de estradas de titularidade da Deputación e repoñendo tamén a sinalización afectada. A comarca de Pontevedra concéntrase maioritariamente no lote D, ao que se destinarán 878.598 euros e que comprende Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Pazos, Fornelos, Redondela, Soutomaior, Moraña e Campo Lameiro.

Comentarios