A Deputación fai campaña turística en Braga da man do Camiño Portugués

Carmela Silva avanzou na necesidade de conformar paquetes turísticos conxuntos de tal xeito "que as persoas que veñan coñecer a provincia poidan achegarse ata Portugal e as que veñan a Portugal poidan visitar Pontevedra"

Carmela Silva durante a súa participación no acto turístico. DP
photo_camera Carmela Silva durante a súa participación no acto turístico. DP

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial Digna Rivas, presentou onte no Teatro Circo da cidade portuguesa de Braga o destino #PontevedraProvincia e a campaña de promoción turística Somos historias. No acto, no que se congregaron un centenar de persoas (turoperadores, axencias e medios de comunicación), participaron o vereador de Turismo de Braga, a vereadora de Cultura da cidade, a vereadora de Turismo de Guimarães e representantes de turismo de Porto-Norte.

Carmela Silva comezou a súa intervención no cumio manifestando a vontade de "promover proxectos comúns en materia turística, sumando sinerxías, para avanzar na promoción da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal neste mundo global".

O patrimonio da provincia foi outro dos eixos de promoción do destino, da man da campaña Somos historias

Deste xeito, a presidenta provincial avanzou na necesidade de conformar paquetes turísticos conxuntos de tal xeito "que as persoas que veñan coñecer a provincia de Pontevedra poidan achegarse ata Portugal e as que veñan a Portugal poidan visitar a provincia de Pontevedra".

Na segunda incursión portuguesa, tras pasar por Porto, a presidenta provincial centrou a promoción do destino Rías Baixas nas rutas do Camiño Portugués cara a Compostela. Neste eido, Silva puxo en valor a importancia da cidade de Braga, como punto de paso cara a Santiago, e na necesidade de promover o Camiño "para que a xente que o estea a percorrer poida volver e coñecer todo o que pode ofrecer a provincia de Pontevedra, con recursos patrimoniais a carón do Camiño como o mosteiro de Santa María de Oia, do século XII, a carón do mar, ou outros mosteiros como os de Poio e Armenteira, cemiterios como o de Santa María de Dozo e a paz das vilas termais como Caldas ou Cuntis".

O patrimonio da provincia foi outro dos eixos de promoción do destino, da man da campaña Somos historias, protagonizada por María Vinyals, "que tanta relación ten tamén con Portugal, xa que o seu neto vive en Porto", asegurou Carmela Silva.

O vídeo da campaña, no que se dá conta dos principais valores do patrimonio da provincia de Pontevedra, deu paso á gastronomía, ao enoturismo e á calidade, aspectos que tamén protagonizaron a acción promocional efectuada pola Deputación de Pontevedra en Braga.

Comentarios