A Deputación lanza unha colección de podcast sobre mulleres referentes

A través da iniciativa Aquí faltan páxinas, presentará doce relatos sonoros, un en cada mes do ano 2023, e completaraos con coloquios sobre as protagonistas
undefined
photo_camera A iniciativa foi presentada no Pazo Provincial. DP

Cada mes unha muller, unha referente cuxos méritos e traxectoria deben ser visibilizados e postos no lugar que lle corresponde na historia. Con esta premisa nace Aquí faltan páxinas, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para "poñer en valor a contribución feminina ao desenvolvemento da humanidade" e para "darlles referentes ás nenas e nenos, á xente moza" e deste xeito contribuír á loita pola igualdade.

Así o sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a presentación desta innovadora proposta creada xunto a O Cable Inglés e que será desenvolvida por vez primeira co formato podcast.

O proxecto arrancará cunha colección de relatos sonoros que, ao longo do vindeiro ano, darán a coñecer os logros destas mulleres, unha por mes, e complementarase con 12 faladoiros que se celebrarán en nove concellos da provincia que tiveron relación con elas.

Así, desde xaneiro, a colección de podcasts, que se colgarán no propio site Aquí faltan páxinas da web da Deputación e con ligazón a Spotify, reunirá mes a mes as historias de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, referentes en distintos ámbitos como o deporte, a educación, a investigación ou o activismo. Amais, publicarase unha ruta virtual que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes.

As imaxes das protagonistas ocuparon o martes o Salón de Plenos durante a presentación do proxecto, que foi explicado por Carmela Silva xunto á coordinadora Marián Fernández (que será a encargada de narrar as historias) e de Guillermina Domínguez, Milagros Bará e Loli Docampo, que protagonizarán tres dos coloquios previstos.

Silva destacou que este proxecto, que nace con vocación de continuidade, dá voz "a mulleres imprescindibles, á nosa historia esquecida, pero nunca enterrada". "Moi particularmente a xente moza precisa de ter a mulleres referentes para poder crecer na verdade. Se se oculta ás mulleres, edúcasenos na falta da metade do mundo, e polo tanto non está toda a verdade presente", subliñou.

A xente moza precisa de ter a mulleres referentes para poder crecer na verdade

Pola súa banda, Marián Fernández destacou o papel da Deputación no liderado de accións e programas de igualdade e subliñou a necesidade "de seguir escribindo as páxinas que quedaron obviadas e ninguneadas na historia".

Guillermina Domínguez, que falará de María Soliña, destacou que "a historia das mulleres é indispensable e básica para lograr a súa emancipación e é preciso visibilizala". Milagros Bará, experta en Elisa Patiño, cualificou a iniciativa de "imprescindible" para "axudar a normalizar a situación". E Loli Docampo, que protagonizará a charla sobre Maruja Mallo, confía en que o proxecto sirva "para dar a coñecer a traxectoria desta artista, que aínda non ten a repercusión que debe", afirmou a experta.

Comentarios