A Deputación lanza un programa para impulsar os cultivos de froitos do bosque

O plan, que promoverá estudos técnicos das parcelas, un servizo de asesoría, un simulador de negocio e unha agrupación comercial, pretende tamén axudar a fixar poboación no rural
Explotación de arandos na provincia de Lugo. EL PROGRESO
photo_camera Explotación de arandos na provincia de Lugo. EL PROGRESO

Os froitos do bosque ecolóxico poden xerar explotacións rendibles nun territorio como o galego e, con esa premisa, a Deputación de Pontevedra aprobou este venres un programa destinado a impulsar este tipo de cultivos na provincia. A iniciativa leva por nome 'DepoFroitos' e enmárcase dentro de 'EmpleaVerde', o programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

O obxectivo xeral do proxecto promovido polo Goberno provincial é impulsar, sobre todo en terreos abandonados, a creación de plantacións deste tipo de froitos cuxo consumo está cada vez máis extendido e tamén mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran adicarse a esta actividade. Para iso, o plan inclúe a creación dun servizo de acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque ecolóxico que proporcionará acompañamento técnico e asesoramento na tramitación de axudas e subvencións e na elaboración de plans de viabilidade técnica e financeira.

Así, promoverase a elaboración de estudos técnicos das parcelas (climáticos, edafolóxicos, da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade) e tamén se impulsará a creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios, ao situar o produto a prezos máis competitivos. Para reforzar estas accións utilizaranse dúas ferramentas innovadoras: un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación. Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (email, teléfono e WhatsApp).

Tal e como sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "este tipo de explotacións poden ser moi rendibles se se atopa un modelo óptimo de comercialización dos froitos, sobre todo se o destino final é o consumo en fresco, xa que alcanzan un alto prezo no mercado. Ademais, para producir estes froitos precísase dunha elevada man de obra, polo tanto con este proxecto incentivarase tamén a oferta de traballo e, así, axudarase a fixar a poboación rural en localidades cuxos ingresos se obteñen fundamentalmente no sector agrario".

Comentarios