A Deputación loita contra a praga do dragón amarelo que afecta aos cítricos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro criará de forma masiva os insectos para analizar o seu comportamento, bioloxía e fenoloxía para o seu control
Unha planta afectada pola praga do 'dragón amarelo'. DP
photo_camera Unha planta afectada pola praga do 'dragón amarelo'. DP

A Deputación de Pontevedra, en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a empresa Koppert España, vén de revalidar o convenio para o impulso do estudo científico que ten como obxectivo estudar o comportamento do insecto trioza eryteae, tamén chamado psila africana, para dar resposta e loitar contra a enfermidade da HLB (Huanglongbing, tamén coñecida comunmente como enverdecemento ou dragón amarelo), unha praga que está a afectar aos cítricos a nivel mundial. O convenio fírmase ao amparo do proxecto Horizon 2020 Preventing HBL epidemics for ensuring citrus survival in Europe.

O estudo ten unha dobre vertente: por unha banda criarase o insecto de xeito masivo nas instalacións da parecela de Areeiro para realizar ensaios de laboratorio e coñecer o seu comportamento e, por outra, analizarase tanto o seu ciclo de vida como as temperaturas máximas e mínimas que soporta, coa finalidade de determinar o seu desenvolvemento, distribución, bioloxía e fenoloxía para adaptar medidas de cara ao control e contención da praga. Tamén se realizarán ensaios de preferencia a diferentes xenotipos de plantas e de eficacia con fungos entomopatóxenos desenvolvidos por Koppert que poderían matar o insecto.

Trátase dunha investigación pioneira, xa que, ata o momento, puxéronse en marcha programas e plans que non deron os froitos agardados. O obxectivo final do proxecto e do convenio é determinar formas de previr a expansión da HBL e minimizar o seu impacto, pois está considerada a enfermidade máis grave nos cítricos.

Comentarios