A Deputación repartirá 20 millóns entre os concellos para a reactivación postcovid

O ReacPon vai destinado a municipios de menos de 50.000 habitantes 
Carmela Silva e César Mosquera, durante a rolda de prensa. DP
photo_camera Carmela Silva e César Mosquera, durante a rolda de prensa. DP

ReacPon, o plan de investimento público que a Deputación destina para a reactivación da provincia na etapa postcovid, xa está en marcha. O Goberno provincial presentou onte as bases para poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes. Aprobaranse no próximo Pleno e, unha vez publicadas, as administracións municipais xa poderán presentar os seus proxectos.

Segundo explicaron a presidenta e o vicepresidente provinciais, Carmela Silva e César Mosquera, os concellos poderán usar os fondos para financiar tres tipos de actuacións: rehabilitación, nova construción e espazos públicos. No primeiro caso inclúense rehabilitacións de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico e de lecer, así como as dirixidas á infancia e mocidade, atención a vítimas de violencia de xénero ou elementos de interese patrimonial e de uso institucional e administrativo. No que respecta á nova construción, inclúense edificios ou instalacións sostibles e intelixentes e actuacións ambientalmente sostibles e que impulsen a cohesión territorial, a conectividade, dixitalización, accesibilidade e igualdade de oportunidades rural/urbano. Finalmente, no caso de actuacións en espazos públicos búscase darlles un uso plural, amable e fomentar as mobilidades alternativas con recuperacións, melloras, urbanizacións e reurbanizacións que cumpran os principios da rede Ágora.

Cada concello poderá financiar unha actuación ata un máximo do 90% do Plan Concellos que lle corresponde, e un mínimo dun terzo do mesmo, dándoselle prioridade ás rehabilitacións e á mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade. No que respecta ao cofinanciamento, os concellos con menos poboación aportarán menos recursos que os que teñen máis habitamtes.

"Somos unha Administración que reparte os recursos de forma xusta e fixemos un enorme esforzo para que as bases tivesen puntuacións matemáticas, con criterios medibles, o que significa que os proxectos van ser valorados dunha forma transparente e equitativa, para que ninguén se chame a engano", asegurou Carmela Silva. "Alguén ten que comezar a facer ben as cousas", engadiu a presidenta provincial, manifestando o seu desexo de que outras administracións traballen do mesmo xeito.

Pola súa banda, César Mosquera explicou que o ReacPon pretende executar proxectos "para achegar solucións que contribúan a superar os problemas da pandemia de maneira rápida". Unha das cuestións nas que fixo fincapé, ademais dos criterios obxectivos, é que se esixirá madurez aos proxectos que presenten todos os concellos, puntuando máis a aqueles que estean listos para licitar con todos os informes sectoriais. "Hai que facer as cousas ben e un esforzo por modernizar esta administración", engadiu o vicepresidente, que tamén subliñou que a intención é que "todo vaia a punto de cruz", por se se pode substituír o esforzo económico da Deputación por fondos europeos, apuntando que, se non se logra cubrir a primeira convocatoria porque non hai proxectos maduros, traballados e participados, abriríase outra.

Proxectos maduros e de calidade
Entre os criterios que se terán en conta nos proxectos que presenten os concellos, valorarase a súa madurez, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade e a contribución dos proxectos á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030.
No que respecta á economía descarbonizada valorarase a porcentaxe de mellora da eficiencia enerxética no caso das rehabilitacións, a porcentaxe de independencia respecto das enerxías non renovables nas novas actuacións e, nas actuacións centradas na contorna urbana, a porcentaxe de espazo público dedicado a usos diferentes á circulación de vehículos.

Comentarios