A Deputación tende a man para activar un 'lobby institucional' de axudas polo coronavirus

PSOE e BNG convidan á Xunta e ós concellos a sumarse a unha mesa que dea salida ás subvencións ós afectados "dun xeito áxil e sinxelo"
O deputado Carlos López Font. DP
photo_camera O deputado Carlos López Font. DP

A Deputación aprobará no Pleno deste mes unha moción asinada polos grupos de Goberno (PSdeG-PSOE e BNG) na que esixe á Xunta un Plan de Rescate da hostalería e do resto dos sectores afectados pola pandemia da covid19 nun marco de colaboración interadministrativa. O bipartito adianta a súa vontade de sentarse nunha mesa institucional na que tamén deben estar os concellos e de crear unha liña de axudas "na mesma porcentaxe sobre o presuposto provincial que a que aplique a Xunta sobre o seu orzamento 2021".

A moción tamén insta ó Executivo galego a adoptar o modelo alemán para que, ante calquera nova restrición que se adopte, se inclúa no mesmo decreto sanitario o importe das axudas para os sectores profesionais afectados, a fin de que poidan facer fronte ás consecuencias económicas que supoña cada decisión.

A maiores, reclama que tódalas axudas poidan repartirse "cun procedemento urxente, áxil e sinxelo".

No texto destácase a operatividade deste modelo implantado en Alemaña, onde tódalas medidas sanitarias van acompañadas de axudas inmediatas aos sectores económicos afectados.

A Deputación comprométese a manter, e reforzar se fose preciso, as liñas de actuación e programas que ten marcha para os sectores afectados

Considérase que este debe ser o exemplo a seguir por parte da administración autonómica, "que é a competente para ordenar as restricións e tamén a que ten ao seu dispor os recursos para facer efectivas as axudas". O texto inclúe tamén a esixencia dos sectores afectados de que a Xunta bonifique ou elimine o tramo autonómico do IRPF e os canon do lixo, da auga e o eólico.

A moción recorda que a Xunta de Galicia xa recibiu durante 2020 do Goberno central un total de 224,10 millóns de euros para paliar a caída de actividade económica, e outros 441 millóns de euros dos fondos REACT-EU. Ingresos extraordinarios que se suman aos recibidos para financiar os maiores gastos en Sanidade e Educación públicas, mentres que as deputacións e os concellos non teñen recibido ningún ingreso extra para sufragar os gastos que están tendo que afrontar desde marzo do pasado ano.

Diante deste contexto considérase que "non pode ser que a única iniciativa que puxo en marcha a Xunta ata o momento fóra habilitar unha axuda de 22 millóns de euros que, ademais de resultar insuficiente, non está repartida na súa totalidade, nin alcanza as cantidades anunciadas".

Amais, a Deputación comprométese a manter, e reforzar se fose preciso, as liñas de actuación e programas que ten marcha para os sectores afectados: O teu primeiro emprego, plans de formación, promoción do turismo e do consumo e, se fora posible, á presentación de proxectos que beneficien a estes sectores ao financiamento de fondos europeos, así como á flexibilización no uso dos recursos que chegan aos concellos para que estes podan ser destinados ao establecemento dunha liña de axudas aos sectores máis afectados pola situación pandémica.

Font subliñou que a Deputación tivo e ten a máxima vontade de diálogo dende o primeiro momento

REUNIÓN CON HOEMPO. Do contido da moción foi informada a directiva da asociación de hostaleiros da comarca de Pontevedra, Hoempo, que se reuniu cos deputados Carlos Font e Santos Héctor, que expresaron a súa solidariedade e apoio ás reivindicacións que o sector está a facer á Xunta de Galicia correspondentes ás súas competencias. Ambas partes concordaron na necesidade dun auténtico Plan de Rescate.

Font subliñou que a Deputación tivo e ten a máxima vontade de diálogo dende o primeiro momento, como demostran as sete cartas enviadas pola presidenta provincial, Carmela Silva, ao presidente da Xunta, "pero, de xeito incrible, ningunha delas tivo resposta, algo incomprensible nun momento como este".

Tamén subliñou que o Goberno provincial xa se reuniu coa Federación Provincial de Hostalería (Feprohos) e agora con Hoempo para escoitar as súas reivindicacións, anunciarlles a presentación desta moción e expresarlles a vontade da Deputación a cooperar, deixando moi claras as competencias das distintas administracións e que calquera esforzo orzamentario para axudas compartidas debe ser proporcional, lembrando que se a Xunta acepta a proposta de achegar 120 millóns de euros por ano, iso representaría o 1,038% do Orzamento autonómico.

Comentarios