Desinfectados máis de 160 centros de saúde e residencias

As comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés son as que maior número de actuacións contabilizaron, con 70 en total
Un axente forestal realizando unha desinfección. CEDIDA
photo_camera Un axente forestal realizando unha desinfección. CEDIDA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou este domingo a labor dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPDCIF) de Galicia que levan realizadas 160 desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados nas comarcas do Salnés, Pontevedra, Morrazo, Deza, Baixo Miño e Condado-Paradanta dende que comezara a súa colaboración de maneira preventiva no marco da situación de emerxencia declarada por mor do coronavirus.

Estas intervencións leváronse a cabo nos exteriores das residencias de maiores, para personas con discapacidad e centros de saúde, ademais, de desinfectarse tamén outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.

As comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés son as que maior número de actuacións contabilizaron, con 70 en total, distribuídas en dez centros de saúde e un centro educativo. Nas comarcas de Deza e Tabeirós foron 27 actuacións, en sete centros de saúde e tres residencias de maiores.

Segundo os datos que manexa a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, na comarca de Baixo Miño-Vigo foron 25 actuacións, en tres centros de saúde e catro residencias, mentres, no Condado-Paradanta, contabilizáronse 37 desinfeccións, oito en centros de saúde e tres residencias de maiores.

En total, no ámbito provincial, os axentes e bombeiros forestais realizaron 160 actuacións en 25 concellos.

Ademais, cabe destacar que para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias.

"Todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais", matiza a Xunta de Galicia.

Comentarios