Destinan dous millóns a dez concellos para investimentos e 49 contratacións

Marín, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Lalín están entre os beneficiados co Plan +Provincia
Reunión da Xunta de Goberno celebrada onte na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Reunión da Xunta de Goberno celebrada onte na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno destinar case dous millóns de euros para que dez concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán. "Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos", asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 1,41 millóns de euros para sete concellos: A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Lalín e Marín. Desta maneira, Lalín recibirá 444.011 euros para a adquisición de terreos do Lalín Arena e da casa Don Álvaro; Marín 284.751 euros para a humanización de vías en Pedreiras; Baiona 176.304 para o proxecto de instalación de ascensor na Casa do Concello; Cerdedo-Cotobade 87.050 para o retranqueo de peches de muros, cuneta e galpón en Parada de Tenorio; Arbo 83.203 para o ensanche e pavimentación no lugar de Casanova-Mourentán, e A Lama 8.000 para acondicionar un sendeiro no lugar de Firveda, en Covelo, na serra do Cando. Ademais, A Guarda contará con 328.355 euros para o proxecto básico e de execución da reforma integral dos Edificios Sinde, bloque I, que completarán aos 709.738 que xa recibiu ao abeiro do Programa PON2030, polo que o orzamento total de 1,04 millóns de euros estará financiado ao 100% pola Deputación.

Por outra banda, na liña de activación de emprego, aprobáronse 577.000 euros para a contratación de 49 persoas desempregadas nos concellos de Nigrán, Marín, A Cañiza e Dozón. Entre estas axuda, Nigrán recibirá 214.242 euros para contratar a 18 persoas que traballarán como peóns forestais e conserxes e Marín disporá de 167.087 para 15 persoas que ocuparán os postos de peóns de obras públicas (11), conserxes (3) e auxiliar administrativo (1). O restante será para A Cañiza (123.019 euros) e Dozón (73.033 euros).

Administración electrónica
A Deputación avanza no novo convenio para a prestación do servizo de administración electrónica a entidades locais, dotado con algo máis de dous millóns de euros. En concreto, colaborará con 51 concellos, seis entidades locais menores (ELM) e catro mancomunidades.

Son os concellos da Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz- Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa; as ELM de Arcos da Condesa, Bembrive, Chenlo, Camposancos, Morgadáns e Vilasobroso, e as mancomunidades do Morrazo, O Val Miño, O Salnés e O Baixo Miño.

Comentarios