miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

A Deputación aporta 220.000 euros en axudas a municipios para o fomento da igualdade

Carmela Silva. OLGA FERNÁNDEZ
Carmela Silva. OLGA FERNÁNDEZ

O ente provincial destina 300.000 euros para programas de normalización lingüística en concellos da provincia 

A Deputación de Pontevedra achegará 220.000 euros para axudas a municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas, segundo se deu conta na Xunta de goberno. A presidenta da deputación, Carmela Silva, lembrou que se trata dunha liña de subvencións posta en marcha polo novo goberno provincial e que, desde a primeira convocatoria, incrementou o número de municipios participantes. En 2016 beneficiáronse 35 localidades e en 2017 foron 50.

Silva tamén destacou a importancia de destinar as achegas aos concellos "para que poidan impulsar e realizar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria". A Deputación subvencionará a aqueles municipios que presenten proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista ou aos que leven a cabo iniciativas xurdidas dos acordos das Mesas Locais de coordinación entre institucións contra a violencia machista.

Tamén serán obxecto de subvención os concellos que desenvolveron proxectos para a mellora da formación e orientación para a inserción e o emprendemento laboral das mulleres; para accións encamiñadas á elaboración do Plan municipal de igualdade; para actividades dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a "corresponsabilidade e a conciliación"; para iniciativas de prevención dirixidas ao alumnado, profesorado e familias, e para campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Os municipios interesados nas axudas teñen de prazo 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boppo.

300.000 EUROS PARA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Por outra banda, a Deputación de Pontevedra aprobou destinar 300.000 euros para normalización e dinamización do galego nos municipios da provincia, co que activará a posibilidade de que as distintas localidades poidan contar cun servizo de normalización lingüística ou ben opten por realizar accións de promoción do galego.

A Xunta de goberno provincial aprobou, na súa última sesión, as bases da convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos Concellos e entidades locais da provincia. Así, achegará un 75% do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros. Para programas de dinamización do uso do galego achegará ata o 75%, ata un máximo de 8.000 euros.

Estas axudas, que foron convocadas por primeira vez polo actual goberno provincial no ano 2016, dobran o orzamento destinado na primeira convocatoria, alcanzando para o ano 2018 un total de 300.000 euros. Entre as principais novidades introducidas destaca a aposta pola creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, opción para a que se incrementa a axuda a percibir polos concellos, que agora poderán contratar persoal técnico preciso para desenvolver esta actividade.

Poderán optar titulados que dispoñan dun Grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de galego e español, grao en Galego e Portugués, licenciaturas equivalentes ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).

PROGRAMAS DE DINAMIZACIÓN. Por outra banda, no apartado de promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego, a principal novidade será a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza municipal sobre o uso da lingua. A este respecto, as bases indican que terá que ser aprobada polo pleno ou a corporación, ou ter o compromiso da súa aprobación en 2018.

Tamén se esixe que nas solicitudes se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións transversais de cada unha das áreas do goberno -a maiores da propia proposta subvencionable-. En canto á proposta, debe incluír polo menos tres ámbitos dos sete mencionados nas bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e igualdade.

Por último, entre as novidades tamén se inclúe que as propostas subvencionables deben ter un orzamento non inferior a 3.000 euros. O prazo de solicitude das axudas comezará ao día seguinte da publicación do extracto desta convocatoria no Boppo e terminará o 16 de marzo de 2018.

A Deputación aporta 220.000 euros en axudas a municipios para o...
Comentarios