Cecilia Pérez Orge | Candidata ao Senado polo BNG

"O do BNG é o voto útil para os galegos"

É unha das candidatas ao Senado pola provincia de Pontevedra e, aínda que abogue pola supresión da Cámara Alta, aspira a representar alí os intereses de Galicia

Cecilia Pérez Orge. CEDIDA
photo_camera Cecilia Pérez Orge. CEDIDA

FOI CANDIDATA á Alcaldía de Redondela polo BNG e nestas eleccións será unha das opcións do partido nacionalista para o Senado, unha institución que o seu partido non cre.

O Senado é unha institución que se adoita poñer en tela de xuízo. Que se pode facer dende alí?
O BNG ten como proposta a eliminación do Senado porque cremos que é unha institución con moi pouco contido. No noso horizonte político está a súa eliminación. Pero, como partido, unha vez que formamos parte destas eleccións, non podemos renunciar a estar no Senado. O que imos facer os senadores do BNG é reforzar aquelas propostas que se leven ao Congreso dos Deputados. O Congreso é outra ferramenta máis para levar os intereses dos galegos e das galegas a través dos deputados.

Cales son os principais asuntos relacionados coa provincia de Pontevedra que levará o BNG, tanto ao Congreso como ao Senado?
Hai un montón de problemas que tratar, pero en Pontevedra unha das primeiras propostas que se vai trasladar ao Congreso é a necesidade da transferencia da AP9. Non vai haber maiorías absolutas e o BNG utilizará aos seus deputados para conseguir melloras para o noso país. Esta transferencia será unha das primeiras. En todo caso, mentres esa transferencia non se materialice, é importante que se produza unha rebaixa de alomenos un 30% no prezo das peaxes, porque estamos ante a autoestrada máis cara de todo o Estado español. Outro tema que se tratará será o do saneamento integral das rías, tanto a de Pontevedra, como a de Vigo ou a de Arousa. Estas serían as primeiras medidas que afectarían á provincia de Pontevedra, aínda que hai outras que afectarían a outras zonas. Ademais, o BNG tamén vai pedir que en cada unha das cidades galegas haxa un xulgado de violencia de xénero. Esta vai ser outra das primeiras medidas.

No que se refire ao saneamento das rías entra tamén a non continuidade de Ence en Lourizán. Non si?
Evidentemente. Nós non estamos en contra da factoría, pero ese non é o lugar axeitado. Hai que recordar que crea empregos pero que tamén os elimina no que é a propia actividade extractiva da ría de Pontevedra. É importante poder recuperar a ría e facer unha explotación sustentable da mesma e é certo que nese paquete inclúese o traslado de Ence. O BNG non vai recuar como poden facer outros, levamos anos reclamando ese traslado e agora que vemos unha luceciña ao final do túnel imos seguir insistindo.

No taboleiro político actual hai moitos partidos, o BNG non ten representación en Madrid. Este momento pode server para funcionar como chave de gobernos. Que perspectivas ten nese eido o seu partido?
O BNG sempre o fixo. Por exemplo, cando estaban Guillerme Vázquez e Olalla Fernández Davila representando á provincia de Pontevedra, condicionaron o seu apoio aos orzamentos a maiores investimentos en Galiza. Foron miles de millóns de euros os que se conseguiron con esa política de apoiar medidas que miren para o noso país. Como non vai haber maiorías absolutas, este é un momento de forza para apostar polo BNG. Somos a única forza política que mira polos intereses dos galegos e das galegas -e así o ten demostrado ao longo da súa historia- porque non depende de Madrid.

Temen que o voto da cidadanía de esquerdas se concentre no PSOE polo efecto ‘voto útil’ contra a extrema dereita?
A cuestión do voto útil hai que reprensala. No caso dos galegos e as galegas, temos que pensar en cal é o noso voto útil. É útil votar a un Goberno do PSOE, que non mira cara a Galiza e que nos considera un territorio de España? O voto ao BNG tamén vai impedir que as dereitas poidan formar Goberno. Se pensamos en clave de país, o máis útil para nós é o voto ao BNG.

Confía entón en ter representación.
Imos ter representación en Madrid. Vémolo nos actos que facemos, ateigadísimos de xente. Moita xente decatouse de que outras forzas que aseguraban ser galegas non actuaron como tal e volve confiar no BNG.

Ese si que pode ser un punto a favor do BNG: a falta de unión en forzas como En Marea e Podemos.
Ao BNG pódenselle dicir moitas cousas, pero non se lle pode negar a súa coherencia. Cando dicimos que estamos en Madrid para condicionar as políticas do Estado en favor de Galiza dicímolo e practicámolo. Outros tamén o dixeron pero non o practicaron, e o exemplo foi o seu voto a favor, de Podemos e En Marea, aos orzamentos de Pedro Sánchez, cos investimentos máis baixos dos últimos anos para este país. Co BNG isto non tería pasado. Témolo clarísimo. Polo tanto, confiamos en que as persoas que queren a este país volvan ao BNG para o beneficio de Galiza. O 28 de abril temos unha oportunidade fantástica para volver ter voz propia. Os galegos e galegas que exerzamos ese dereito temos que facelo coa cabeza, pero tamén co corazón.

Comentarios