Do CMUS Manuel Quiroga ao premio extraordinario nas ensinanzas de arte

O pianista Iván Ruibal, de Vilaboa, e o bombardinista Iván Guimarey, de Catoira, figuran entre os mellores estudantes de Galicia
Iván Ruibal e Iván Guimarey. CEDIDAS
photo_camera Iván Ruibal e Iván Guimarey. CEDIDAS

Comparten nome, traxectoria no Conservatorio e unhas expectativas de futuro ligadas á música, moi presente nas súas vidas desde ben cativos. Iván Ruibal Seoane (Vilaboa, 18 anos), na especialidade de piano, e Iván Guimarey Touriño (Catoira, 20 anos), na especialidade de tuba, aínda que realmente o seu instrumento é bombardino, veñen de ser recoñecidos cos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de Música, segundo publicou o DOG.

"Con eles recoñécense e valóranse publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo", explica a Consellería de Educación. Ambos os dous remataron os seus estudos no CMUS Manuel Quiroga no curso 2019/20 cun excelente resultado académico.

A maiores da dotación económica, de 850 euros por premio, os galardoados recibirán un diploma acreditativo e anotarase esta distinción tanto nos seus expedientes como nas certificacións académicas que se lles emitan, ademais da posibilidade de concorrer ao correspondente premio nacional.

Para optar a estes premios debían contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais. Na modalidade de Música deberon realizar, ademais, unha interpretación como solista e presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal interpretase tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música.

Iván Ruibal: "Aos dez anos decidín dedicarme á música, aínda que xa empezara a aprender con dous ou tres anos na escola de Salcedo"

FUTURO PROFESOR. "Aos dez anos decidín dedicarme á música", lembra Iván Ruibal, aínda que entón xa levaba toda a súa vida entregado a ela. Despois dos catro anos do grao elemental e os seis do profesional, agora cursa o grao superior de piano en Salamanca, que son outros catro, mestrado á parte. "Unha carreira longa". Aínda que entrou no conservatorio con oito anos, xa empezara a tocar o piano con cinco.

"Levo comendo música desde pequeno", chancea. "Meu pai tocaba o trombón de varas e cando meu irmán maior empezou na Escola de Música de Salcedo, eu collín unha rabecha porque quería ir. Deixáronme, porque mal non me podía facer". Só tiña "dous ou tres anos", pero ao mes "xa aprendera a ler algo de música".

Aínda que rematou o Bacharelato, cun grande esforzo para compaxinalo cos estudos musicais, apostou todo por acceder ao grao superior. E conseguiuno.

Para optar ao premio elixiu un repertorio coas mesmas obras das probas de acceso ao conservatorio salmantino, de Beethoven, Liszt e Bach. Precisamente Liszt é un dos seus autores favoritos xunto con Rachmaninov e Piazzola. O seu soño pasa por dedicarse á ensinanza musical, aínda que agora tampouco descarta convertirse en concertista. De momento aforrará os cartos do premio para adquirir un piano de cola. A súa familia "sempre me apoiou en todo e fíxome dar o mellor de min".

Iván Guimarey: "Gustaríame ser intérprete e vivir da música, se se pode; a Fisioterapia é unha segunda opción"

TODA A FAMILIA. Apoio familiar tampouco lle faltou nunca a Iván Guimarey, que empezou "de rebote". De pequeño "quería tocar a guitarra eléctrica, pero dei un cambio" e coincidiu con seus pais e o seu irmán na Banda de Catoira. Na Escola de Música desta localidade empezou a tocar o bombardino con nove anos e en 2016 accedeu ao Conservatorio pontevedrés. Agora estuda o grao profesional en Oviedo, onde o compaxina coa titulación de Fisioterapia na universidade ovetense.

De cara o futuro, admite que lle gustaría "vivir da música, se se pode", pois a Fisioterapia "é unha segunda opción". Ser intérprete de bombardino dentro dunha agrupación sería o seu soño, deixando a ensinanza nun segundo plano. As pezas que elixiu para o certame son dúas contemporáneas e unha clásica, de Brahms, aínda que o seu favorito é o bombardinista francés Bastian Baumet.

Comentarios