Dúas persoas resultan feridas no Porriño en senllos accidentes na A-52

As vítimas tiveron que ser trasladadas a un centro médico

Unha colisión entre un turismo, que rematou envorcado, e un camión na A-52, á altura do Porriño, saldouse cunha persoa ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima, que viaxaba no camión, tivo que ser trasladada a un centro médico.

O sinistro ocorreu á altura de Cans, dirección O Porriño. Ademais, o CIAE 112 Galicia tivo constancia doutro accidente que ocorreu uns metros antes. Tratouse dun sinistro no que se viu implicado un turismo e no que resultou ferida a condutora. A muller tivo que ser evacuada ao hospital de referencia.

Os feitos tiveron lugar ao fío das 20.45 horas da pasada tarde e foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia. Acto seguido, os xestores do CIAE-112 puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Baixo Miño e de Protección Civil.

DÚAS MULLERES FERIDAS EN CEE. Por outra banda, dúas mulleres resultaron feridas tras producirse un choque por alcance entre un vehículo e un camión de lixo a causa dun xabaril que interceptou na vía. As dúas ocupantes do vehículo, aínda que non parecían revestir gravidade, foron trasladadas polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.  

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, pasados uns minutos das 20:00 horas deste mércores. Foi un particular quen, a esa hora, informou aos xestores de emerxencias dun choque entre un turismo e un camión de lixo que ía baleiro, por mor dun animal que interceptara na vía, no punto quilométrico 88 da AC-552, no cruce da Pereiriña, en Cee.   

Tras o aviso, ademais de alertar ao 061-Urxencias Sanitarias,  axiña se informou aos axentes de Tráfico e da Policía Local. Así mesmo, puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Cee e dos efectivos de Protección Civil da localidade.