Pensando na diversión dos cativos e cativas, e enxalzando as figuras tradicionais. Así viviu a provincia esta fin de semana de Entroido, cunha programación que onte destacou especialmente por ateigar as rúas de animación para os nenos e nenas. Neste sentido, Poio e Marín foron dous dos concellos que cederon o protagonismo aos pequenos da casa, que non dubidaron en participar en todas as actividades programadas durante a tarde, ataviados cos disfraces máis curiosos, e tamén recorrentes.
No caso de Marín, a traxedia do Villa de Pitanxo fixo que o Concello adaptase a súa programación, conservando a festa infantil que tivo lugar este domingo, e que encheu o Parque Eguren de nenos e nenas que bailaron ao son da música e animación, ademais de formar parte activa do obradoiro de manualidades, disposto tamén neste emprazamento. O espectáculo de animación fixo as delicias de toda a familia.

En Poio, os cativos e cativas do municipio puideron gozar tamén dunha tarde lúdica durante a celebración da edición Hai entroido!, de Seica na Seca a cargo de Javi Solla, un formato de evento que xa colleitou un grande éxito durante o Nadal poiense, e polo que o Concello volveu apostar para a celebración desta cita. Trátase, neste caso, dunha das poucas citas físicas do Entroido no municipio, que este ano, a pesar do alivio das restricións, preferiu volver apostar por un formato que potencia as celebracións telemáticas. Deste xeito, a programación complétase con concursos virtuais nos que a Asociación EnPoio e a Asociación O Ronsel ofrecerán distintos premios en varias categorías. No primeiro caso, prémiase ao mellor disfrace a través dun certame virtual cuxo prazo de presentación concluíu onte. No segundo caso, o prazo para participar no concurso de Viúvas e Choqueiros aínda se alongará ata o 12 de marzo.
Por outra banda, no municipio permanece tamén activa a exposición de fotos de pasadas edicións do Entroido, que se poden ver nos diferentes establecementos comerciais ou en lugares públicos sinalados, como a Casa Consistorial. A mostra abrangue varias décadas do Entroido poiense no que os veciños e veciñas, os desfiles e o Galo Fodorico son os auténticos protagonistas.

En canto ás figuras tradicionais do Entroido, Cobres (Vilaboa) viviu a súa segunda xornada festiva, que xa comezara o sábado coa Gran Festa de Apertura na que actuaron Assia e Dj Charlie, ademais do tradicional percorrido de Madamas e Galáns polos barrios do municipio. Precisamente, este percorrido volveuse vivir na xornada do domingo, dende as 10.00 ás 19.00 horas, hora de chegada e actuación do Entroido na carpa de Riomaior, na que participaron maiores e cativos. Pola noite, os Cantos de Taberna foron os protagonistas da xornada, a cargo de Beber e Cantar, Marcelo Dobode e Víctor Movilla.

Neste caso, o Entroido atópase no seu Ecuador, posto que aínda restan dúas xornadas festivas máis nos vindeiros días. Así, hoxe volverase realizar o percorrido polos barrios, con actuación incluída en Riomaior. Ademais, pola noite celebrarase tamén o Luns de maghachos a cargo de Trío Azar e Xtra.
O martes terá lugar o día grande, co percorrido do Entroido pola mañá e pola tarde, e a Corrida do Galo a partir das 17.00 horas, presentada polo humorista Rubén Durán. Como en anos anteriores, haberá tamén xogos populares, entrega de premios, Queima do Galo e fogos de artificio, para pechar a xornada con Son das tabernas.