Escolares de Ponteareas e Vila de Cruces estrean o novo programa de visitas ao Parlamento e á Xunta

O proxecto está dirixido ao alumnado de primaria e secundaria e estenderase ata o ano 2020 ► O obxectivo é que a rapazada amplíe os seus coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia e afonden na cultura de diálogo

Miguel Santalices recibe ao primeiro grupo de escolares en participar no novo programa de visitas á Xunta e ao Parlamento de Galicia, Coñece as túas institucións. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Miguel Santalices recibe ao primeiro grupo de escolares en participar no novo programa de visitas á Xunta e ao Parlamento de Galicia, Coñece as túas institucións. PEPE FERRÍN (AGN)

Un total de 60 escolares, 30 do CEIP Cerdeiriñas de Vila de Cruces e outros 30 do Feliciano Barreas de Ponteareas, foron os primeiros en participar no novo programa de visitas á Xunta e ao Parlamento de Galicia, Coñece as túas institucións, que arrincou este martes co obxectivo de divulgar o papel das institucións autonómicas. 

En primeiro lugar, 30 nenos de quinto e sexto de Primaria do CEIP Feliciano Barreira foron recibidos no Pazo do Hórreo polo presidente do Lexislativo, Miguel Santalices, acompañado por integrantes da Mesa e de deputados de todas as formacións con presentación na Cámara. 

Unha vez na Cámara e a través dun vídeo todos os escolares puideron coñecer a historia do Pazo do Hórreo, que foi facultade de veterinaria e edificio militar antes de acoller o Parlamento. Esta institución, á súa vez, tivo como primeiras sedes o Pazo de Xelmirez e o de Fonseca antes de establecerse en 1989 na súa actual localización. 

Ademais, de forma previa a unha visita guiada polos 15.000 metros cadrados que forman O Hórreo, os escolares entraron ao Hemiciclo, desde onde fixeron chegar aos medios de comunicación algunhas das reivindicacións que portaban para esta visita. Entre elas, as máis repetidas foron a necesidade de adaptar o seu colexio de Ponteareas ás persoas con discapacidade, para o que pediron un ascensor, ou a construción dun pavillón deportivo. 

Aquí radica a sede da democracia e creo que é unha idade moi boa para que se fixen novos conceptos

Precisamente, en declaracións aos medios, Miguel Santalices apostou por dar a coñecer aos escolares "a importancia que ten o Parlamento e o Goberno". "Aquí radica a sede da democracia e creo que é unha idade moi boa para que se fixen novos conceptos", manifestou Santalices, que tamén puxo en valor o papel que os nenos poden exercer como "mellores comunicadores" para expandir o coñecemento sobre estas institucións entre as súas familias. 

Xa a media mañá, despois da visita dos escolares de Ponteareas, acudiron á Cámara os restantes 30 alumnos tamén de quinto e sexto curso de Primaria do CEIP de Cerdeiriñas, de Piloño, en Viladecruces.

SEDE DA XUNTA. Ademais, tamén este martes, os 60 nenos visitaron a sede da Xunta en San Caetano, un percorrido no que foron guiados polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, quen lles explicou o funcionamento diario da institución e as responsabilidades do Goberno galego. 

En total, para este mes de marzo, a Consellería de Educación destacou que xa están programadas dez visitas escolares, que se organizarán os martes, mércores e venres. Os centros que desexen apuntarse ás ditas visitas poden facelo na web do Parlamento de Galicia. 

Con esta iniciativa, ambas as institucións buscan que os alumnos amplíen os seus coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia e afonden na cultura de diálogo, de convivencia e respecto. Ademais, pretenden favorecer "unha cidadanía democrática e responsable" no presente e no futuro.

O Programa
O programa de actividades desenvolverase nos cursos escolares 2017/2018, 2018/2019 e 2019/2020 e, nel, participarán centros educativos galegos de titularidade pública con alumnado de quinto e sexto de educación primaria e primeiro e segundo de educación secundaria

Con carácter previo á realización efectiva das visitas, tal e como explicou a directora do CEIP Feliciano Barreiras de Ponteareas, desenvólvese un programa didáctico nas aulas, ás que as institucións fan chegar distintos materiais cos que traballar. 

Comentarios