O Espazo Concilia de Poio inaugura a tempada para as crianzas ata setembro

A ludoteca estreouse este luns no CEIP Viñas, onde foi trasladada para facilitar o cumprimento das medidas de seguridade
Cativos asistentes ao Espazo Concilia durante unha actividade. CEDIDA.
photo_camera Cativos asistentes ao Espazo Concilia durante unha actividade.

Contos, obradoiros artísticos ou xogos de expresión musical, xogos medioambientais, predeportivos ou de pista e rastrexo son algunhas das actividades que desenvolve o Espazo Concilia. A ludoteca, organizada pola Concellería de Igualdade, púxose en marcha na mañá do luns e permanecerá operativa ata o vindeiro 9 de setembro. Esta iniciativa busca facilitar a conciliación ás familias de Poio e a aquelas nais e pais que traballen nunha empresa do municipio e súmase ao Campaverán, actividade que xa comezou o pasado mércores no CEIP Isidora Riestra.

Neste caso, o Espazo Concilia trasládase ao CEIP Viñas. Tal e como explica a concelleira delegada de Igualdade, Silvia Díaz, esta medida adoptouse para facilitar o cumprimento das normas sanitarias e de distanciamento determinadas polo impacto da covid-19. "Tendo en conta o contexto no que nos atopamos, logo de varios meses de confinamento, entendemos que o Concello ten que ofrecer á veciñanza un servizo destas características, para permitir que a actividade laboral teña o menor impacto posible na conciliación familiar e ofrecer aos nenos e nenas un espazo lúdico e de socialización", indica a edil de Avante Poio.

A iniciativa desenvólvese de luns a venres, nun horario fixado entre as 8.30 e as 14.30 horas, e está destinada a cativos e cativas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. A equipa de monitores, ademais de organizar as actividades anteriormente mencionadas, tamén proporá cada día un reto ás crianzas, para dar forma a unha peza diaria, ata completar un puzzle semanal.

Os contidos que se desenvolven no Espazo Concilia baséanse na promoción de valores a prol da igualdade de xénero e no fomento da corresponsabilidade.

A concelleira de Igualdade explica que a día de hoxe son 26 os rapaces e rapazas inscritas nesta ludoteca, polo que aínda quedan algunhas prazas dispoñibles. Con respecto ás tarifas, estas serán de 25 euros para os meses de xullo e agosto e 10 para o período de setembro.

Comentarios