Ethel Vázquez pide a Adif e Renfe que rectifiquen o peche das oficinas de venda de billetes

As estacións de Guillarei, Redondela, Burela, Sarria, Viveiro, Ortigueira, O Carballiño e Ribadavia quedarán sen venda directa a partir do 31 de decembro
Pasajeros suben al tren.AEP
photo_camera Persoas subindo a un tren. AEP

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reclamou a Adif e Renfe que rectifiquen a decisión de pechar as oficinas de venda de billetes directa en oito estacións de tren de Galicia.  En declaracións aos medios en Lobios, a responsable do Executivo autonómico reiterou a "oposición frontal" da Xunta a esta decisión, que afecta as estacións de Guillarei, Redondela, Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño e Ribadavia, que quedarán sen venda directa de billetes a partir do próximo 31 de decembro. 

"Demandamos servizos de calidade no rural. Non compartimos que eses criterios económicos e erros administrativos que puideron cometer certos representantes en Adif ou no Ministerio de Fomento se carguen contra os cidadáns", aseverou Vázquez. 

Así mesmo, o Partido Popular de Lugo avanzou a presentación de preguntas ao Goberno e mocións nos concellos da provincia afectados para protestar contra o que consideran un "ataque" aos usuarios. 

Nun comunicado, tras indicar que estudan a posibilidade de convocar mobilizacións, os populares instan ao PSOE a protestar "como fixo cando gobernaba Mariano Rajoy, a pesar de que o Goberno de entón impediu que Renfe levase a cabo o plan de redución".  Deste xeito, os deputados do PP electos pola provincia de Lugo —Joaquín García e Jaime de Olano— cuestionarán no Congreso ao Executivo central sobre os motivos para a supresión destes servizos.

COMISIÓNS OBREIRAS. Comisións Obreiras tamén expresou a súa oposición á medida que, segundo as estimacións do sindicato, afectará a 370.000 viaxeiros que usan este servizo cada ano. Nun comunicado, demanda explicacións a Renfe e Adif por unha decisión que, di, non foi comunicada aos comités de empresa e que enmarca "dentro da política de desmantelamento do ferrocarril convencional" que atribúe a todos "os gobernos desde hai moitos anos". 

"A venda e información presencial ao público nas estacións é un servizo que se debe manter porque así o demandan os cidadáns que queren utilizar este servizo que non pode ser sustituído nin polas máquinas de auto-venda nin pola venda on-line", incidiu CC OO. 

Comentarios