Font califica de "esperpénticas" as verbas de Cubela sobre o Goberno provincial

"O único que fixo a Xunta de Galicia foi a súa obriga de asinar o convenio que tiña comprometido con Meis", manifestou o deputado
Carlos Font, deputado provincial do PSdeG-PSOE. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carlos Font, deputado provincial do PSdeG-PSOE. GONZALO GARCÍA

O deputado provincial Carlos Font cualificou onte de "esperpénticas" as declaracións do voceiro do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, que acusou de sectarismo ao Goberno provincial "en contraste co trato igualitario da Xunta de Galicia". Font sinalou que o intento de sacar peito de Cubela porque a Xunta non invalida o convenio que tiña asinado co Concello de Meis malia o cambio do goberno municipal "só pode mover á hilaridade". "O único que fixo a Xunta de Galicia, dixo, foi a súa obriga de asinar o convenio que tiña comprometido. Faltaría máis", engadiu.

"O peor —dixo o deputado— é que este posicionamento mostra ás claras o que entende o PP sobre as prácticas democráticas que calquera institución leva a cabo, goberne quen goberne nun concello, como de feito fai a propia Deputación de Pontevedra que, ao contrario da Xunta, reparte os recursos con bases, criterios técnicos, e con equidade, independentemente de que partido político sexa o goberno", enfatizou.

"O mellor exemplo precisamente é Meis, onde ata agora gobernou o PP, e a Deputación nestes catro anos fixo o maior investimento da súa historia, 3,4 millóns de euros; ou que cada ano co Plan Concellos destinara cada vez máis diñeiro como neste 2019 con preto de medio millón de euros, un 3,18% máis que o ano anterior; ou que cun goberno municipal do PP fose beneficiario do Plan de Reequilibrio, reformando a Praza de España do Mosteiro con 240.000 euros; ou que nestes catro anos o concello puidese financiar ata 26 obras con 1,2 millóns de euros, amais de ter partidas da Deputación para poder contratar a 36 persoas traballadoras para o concello", asegurou.

Este goberno autonómico é o máis sectario de todos os de España

Carlos Font sinalou tamén que "por enriba, para defender unha posición incomprensible, o voceiro do PP na Deputación fala sen rubor do trato igualitario da Xunta. Como é posible mentir con tanto descaro?", preguntou o deputado. Font afirmou que "este goberno autonómico é o máis sectario de todos os de España". Unha realidade que, asegura, "é moi fácil de comprobar. Só hai que analizar as subvencións. Máis do 85% para concellos gobernados polo PP. Só hai que ir á hemeroteca e ver os investimentos: máis do 80% para concellos gobernados polos populares".

Comentarios