miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

A frota artesanal plántase contra o regulamento da UE con foguetes e pancartas

Os pescadores meniféstanse nos seus barcos en Raxó. CEDIDA
Arriba, a frota de Portonovo e Sanxenxo fronte a Silgar. Abaixo, as cofradías de Pontevedra, Lourizán e Raxó.
Arredor de 100 embarcacións das confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán percorreron a ría dende Poio ata Marín ► Máis de 30 barcos de Sanxenxo e Portonovo fondearon fronte á praia de Silgar durante a mañá en sinal de protesta

As confrarías de pescadores da provincia sumaron onte as súas embarcacións ao paro convocado a nivel galego en rexeitamento ao novo regulamento de control da Unión Europea (UE) que, entre outras cuestións, obriga á instalación de dispositivos de xeolocalización ou ao rexistro das capturas de xeito electrónico. Na ría de Pontevedra, as confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán protagonizaron un paro conxunto de arredor de 100 embarcacións que, no caso da Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó fondeou a partir das 12.00 ata as 12.15 horas (horario oficial convocado para o paro pola Federación) diante do peirao de Combarro e entre Combarro e Campelo, para poñer rumbo, posteriormente, ata o porto de Marín, onde se reuniron coas frotas veciñas da ría.

Durante o percurso, os pescadores que, dentro dun clima de protesta pacífico, amosaron o seu rexeitamento ás medidas da UE, que calificaron de "ilóxicas", exhibiron pancartas con lemas que aludían á clase política e a un desacordo total co regulamento de control: "Somos pescadores, non delincuentes", rezaba unha das pancartas. A entrada no porto de Marín foi o punto álxido da xornada, que se estendeu ata pasadas as 13.00 horas, cunha tirada de foguetes e petardos, ademais do acendido de bengalas dende algunhas das embarcacións, nun ambiente que, nese punto da travesía, caldeouse máis, facendo evidente do "enfado" de moitos dos membros das confrarías da provincia. "O primeiro que teñen que coñecer dende a Unión Europea son as características da nosa zona antes de aplicar semellantes medidas, xa que en embarcacións coma as nosas a maioría das veces é unha soa persoa a que ten que facer todos os labores", explicou o patrón maior da Cofradía de Pescadores San Gregorio de Raxó, Iago Tomé, en referencia á implantación dun diario electrónico para todas as embarcacións. "Nunha embarcación pequena unha soa persoa é patrón, motorista e mariñeiro, e non se pode encargar diso", asegurou.

En canto á obrigatoriedade de instalar un xeolocalizador, Tomé, ao igual que o consenso común das confrarías galegas, non ve a necesidade de facelo. "Somos frotas pequenas que traballan na ría, xa se sabe onde estamos", di. Tampouco calou entre os pescadores o punto que se refire á instalación de cámaras nas embarcacións. "Creo que isto xa vai contra o dereito á intimidade. Moitas destas embarcacións nin sequera teñen cuartos de baño. Sen embargo, cando pedimos que instalen cámaras nos portos, onde si hai quen nos pode facer dano, a administración di que non pode, pola protección de datos. Estamos indignados. O eurodiputado Millán Mon, que é de Pontevedra, votou a favor coñecendo como coñece a nosa realidade", denunciou Tomé.

Fronte á praia de Silgar sumáronse tamén ás protestas as confrarías de Portonovo e Sanxenxo, que reuniron máis de 30 embarcacións en total, e fondearon na zona durante a franxa horaria convocada, nunha inusual estampa que chamou a atención de veciños e transeúntes durante o mediodía do venres, atraídos polo son das sereas dos barcos, que non deixaron de soar durante toda a protesta.

No resto da provincia, confrarías coma as de Arcade ou Redondela tamén se fixeron eco da convocatoria organizada pola Federación Galega de Confrarías, que acordou a medida nunha reunión celebrada cos representantes do sector galego, que conta con 63 confrarías. A protesta tamén se estende ao ámbito estatal, para as frotas de Asturias ou Alicante.

A frota artesanal plántase contra o regulamento da UE con foguetes...
Comentarios
ç