O Goberno avala a posta en marcha da Axenda Urbana da Deputación

Carmela Silva asina coa ministra Raquel Sánchez o protocolo para arrincar os traballos do Plan de Acción, co que o organismo provincial pretende planificar a provincia para o ano 2027
Un momento do acto celebrado en Madrid coa ministra Raquel Sánchez. DP
photo_camera Un momento do acto celebrado en Madrid coa ministra Raquel Sánchez. DP

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou este mércores en Madrid coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, a Axenda Urbana do organismo provincial e o protocolo para poñer en marcha o Plan de Acción, definido como a folla de ruta para o deseño e a planificación da provincia no horizonte de 2027 de acordo aos grandes retos da Axenda 2030. No acto participaron outras sete Deputacións e máis de 90 institucións de todo o Estado, pero a pontevedresa foi a única deputación galega.

Coa sinatura dase o pistoletazo de saída ao proceso de participación pública e reflexión como primeira fase do Plan de Acción da Axenda Urbana. A intención, como se fixo co Plan Estratéxico de Turismo e co Plan Estratéxico de Infraestruturas, é a realización dunha ampla consulta pública na que concellos, axentes sociais e persoas expertas participen na análise dos retos e necesidades da axenda rural e urbana da provincia.

Silva subliñou que "a Deputación súmase aos grandes obxectivos de transformación a corto, medio e longo prazo para garantir unha provincia que siga avanzando en lograr unha mellor economía, innovación, transformación dixital e ecolóxica, asegurando o dinamismo e progreso da provincia máis avanzada de toda Galicia".

O goberno provincial creou xa o pasado ano 2021 un equipo interdisciplinar que diagnosticou e identificou cinco obxectivos nos que a Deputación está a executar a transformación sostible da provincia: cambio climático e resiliencia; xestión sostible dos recursos e economía circular; era dixital, innovación e dixitalización; gobernanza, e modelo de provincia, con boas prácticas en materia de mobilidade, reciclaxe, igualdade e turismo sostible.

Cambio climático

A través da colaboración e apoio aos concellos para pasar a unha economía baixa en carbono, mediante programas como o Plan Concellos ou o ReacPon. Tamén accións de sensibilización na loita contra o cambio climático coa sociedade, a través de iniciativas como o concurso Reacción polo Clima ou campañas de sostibilidade en festivais e eventos, ademais de participar no debate e na acción global.

Economía circular

A Deputación é especialmente sensible coa conservación e protección do patrimonio natural e medioambiental do territorio, así como a capacidade técnica e tecnolóxica para a implantación de enerxías renovables. Destacan proxectos como Revitaliza, ou proxectos de fortalecemento comercial financiados cos fondos Next Generation, como Commerce Inside o Da túa man. A Deputación participa en partenariados europeos como Greentour, para fomentar a economía circular en hostalería no Espazo Sudoe.

Transformación dixital

A Deputación leva a cabo nos últimos anos unha serie de medidas para o desenvolvemento dos servizos TIC. Ademais de implantar a Administración electrónica nos seus sistemas e nos dos concellos, fomenta as habilidades dixitais nos municipios do reto demográfico e leva a cabo o programa Smartpeme de asesoramento e mentorización no ámbito dixital para persoas autónomas e emprendedoras. Tamén destacan proxectos como Tourist Inside, para levar a cabo a transformación dixital das oficinas de turismo.

Gobernanza e modelo

A Deputación pon a disposición dos concellos a súa experiencia en iniciativas de desenvolvemento sostible e emprego de instrumentos de planificación urbanística e territorial. Hai que facer fincapé no desenvolvemento dos PMUS nos municipios de menos de 20.000 habitantes ou a Rede Ágora. Destacan tamén os plans de cooperación anuais e outros como o Plan Reequilibrio ou o ReacPon, no que se tratan os eixes da Axenda Urbana española. Tamén é de gran valor a experiencia na xestión dun destino turístico sostible, con instrumentos de traballo como o Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 e o Plan de Sostibilidade no Destino, así como mesas de traballo como a de Turismo, a do Camiño ou a do Comercio, entre outras accións.

Comentarios