Guardesiña regresa ao mar tras completar a súa recuperación en Galicia

Esta cría de lobo mariño apareceu o pasado 14 de xaneiro na Guarda e recuperouse no CEMMA de Nigrán e no Igafa, na Illa de Arousa

Guardesiña. DP
photo_camera Guardesiña. DP

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) despide este sábado á cría de lobo mariño Guardesiña, que iniciará o seu regreso desde o porto de Vigo ao mar de Irlanda tras a súa recuperación no centro.

O lobo mariño permaneceu no Igafa, con sede na Illa de Arousa, algo máis dun mes para pasar a segunda fase da súa recuperación. Guardesiña, de 85 cm de lonxitude, apareceu na costa da Guarda o 14 de xaneiro e foi trasladado á Uci do CEMMA, en Nigrán, onde acadou os 21 quilos de peso.

Tras unha evolución favorable no CEMMA comezou a segunda fase de recuperación no Igafa, unha recuperación que remata o sábado e na que o lobo acadou os 30 quilos de peso, recuperou a súa hidratación e nutrición e mellorou a afección respiratoria que padecía.

Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación doutros cinco exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017 e outro este ano.

Comentarios