Liberan un condutor atrapado nun coche tras dar voltas de campá en Salceda de Caselas

Unha persoa resultou ferida de consideración este domingo tras saírse da vía o vehículo no que viaxaba e dar dúas voltas de campá ao seu paso por Salceda de Caselas. O sinistro rexistrouse na estrada PO-510 á altura de Parderrubias. Foi precisa a intervención dos Bombeiros de Baixo Miño para liberar o condutor e único ocupante do vehículo, que quedou atrapado no interior do turismo.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 17.30 horas pola chamada dun particular que presenciou o suceso. Tamén o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba á central de emerxencias a gravidade do accidente.

Ademais dos bombeiros e dos servizos sanitarios, foron mobilizados os axentes de Tráfico e efectivos de Protección Civil. Tamén foi requirida a intervención do persoal de mantemento da estrada para a limpeza da vía.