Pontevedra

Máis de 500 persoas asistirán ao IV Encontro Provincial pola Inclusión

A primeira xornada desenvolverase este luns no Sexto Edificio do Museo Provincial

A Deputación xa ten todo preparado para o IV Encontro Provincial pola Inclusión, que se desenvolverá este luns e o martes 29 coa asistencia de máis de 500 persoas. A primeira das xornadas terá lugar no Sexto Edificio do Museo Provincial e será de carácter técnico. A ela asistirán 242 persoas dos ámbitos relacionados coa inclusión e a integración social. A segunda será unha xornada de convivencia de corte lúdico-festivo. Conta con 250 inscritos e terá lugar no Centro Príncipe Felipe.

"Estamos moi satisfeitos co desenvolvemento deste proxecto que empezou hai catro anos, cando comezamos a gobernar na Deputación, porque ano a ano vai participando máis xente e de feito na presente edición as prazas están esgotadas", sinalou a presidenta da institución, Carmela Silva. "Hai interese por poñer en valor as necesidades das persoas con diversidade funcional". Precisamente, visibilizar a estas persoas, darlles voz e poñer enriba da mesa as súas necesidades son as finalidades do encontro.

Para a Deputación é "indispensable" traballar pola inclusión, sobre todo tendo en conta os datos. Na provincia hai preto de 85.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional recoñecida, unhas cifras que ascenden a 225.000 en Galicia e máis de tres millóns de persoas no conxunto de España. Pontevedra é a provincia galega cunha maior porcentaxe de persoas con diversidade funcional, unha cifra que chega ao nove por cento.

Comentarios