Malos tempos para a gandeiría

"Subiron a luz e as materias primas, pero o prezo do leite non acompañou esa subida", quéixanse os gandeiros lácteos que, unha vez máis, están contra as cordas. Ana Martínez e María Manteiga contan como é o día a día nun oficio no que a vocación é imprescindible
María Manteiga, na súa granxa de Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera María Manteiga, na súa granxa de Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS

Ninguén se libra dos efectos da subida da luz, as materias primas e os combustibles e, moito menos, os gandeiros. Especialmente complicada é a situación das explotacións lácteas que, unha vez máis, viven coa auga ao pescozo. Así, ao eterno problema dos baixos prezos aos que teñen que vender o seu produto, súmaselle agora a subida estratosférica dos custos de produción. E é que as granxas non poden escatimar electricidade, nin pensos para as vacas, nin gasóleo para a maquinaria agrícola.

Coa venda do leite por debaixo dos custos de produción como ocorre agora mesmo, a sombra do peche volve ameazar os gandeiros lácteos. Un sector que en España vive unha eterna sangría, pasando de 24.156 explotacións de vacas leiteiras no ano 2010 a 11.960 na actualidade.

"PRODUCIMOS A PERDAS". "Estamos tirando das reservas. Producimos a perdas", asegura Ana Martínez, propietaria da Granxa Nodar (A Estrada) xunto co seu pai, José Martínez. "No meu caso estou nun grupo no que estamos negociando e agora fixemos un contrato por un mes no que nos subiron un céntimo, pero porque teño leite supera, é dicir, cumpro uns requisitos sanitarios, algo así como o A+ nos electrodomésticos. Con ese céntimo páganmo a 33 céntimos o litro. Se empezas a pagar todos os gastos que tes, xa sen botar contas ao teu traballo, non saen os números", sinala.

"Todos temos a necesidade de traballar e de gañar segundo o traballado"

Logo de 22 anos como profesional e, como filla de gandeiros, toda unha vida entre vacas, Ana, de 47 anos, coñece mellor que ninguén as costuras dun sector que semella vivir unha crise eterna. "A economía é cíclica. Hai altos e baixos, momentos de crise e momentos de bonanza, pero os ciclos no sector primario son moito máis longos", precisa Ana. A clave é "administrar ben" os períodos de bonanza. "Segundo o que eu vivín, hai 18 anos estábase moito mellor que agora, estaba subindo -asegura a gandeira estradense-. Se ti esas ganancias as administras, invistes no momento idóneo, logo, cando haxa perdas, podes ir sobrevivindo sen tanta penuria como noutros oficios. Pero como tes que estar tanto tempo tirando das reservas, chega un momento no que xa dis ‘cando acabará isto?’".

A solución á eterna guerra do leite pasa, na súa opinión, por que "o intermediario deixe de gañar tanto". "Todos temos a necesidade de traballar e de gañar segundo o traballado. Nin gañar tanto uns nin tan pouco outros -destaca-. Hai 18 anos pagábase ben e gañouse diñeiro, pero é que había competencia entre as empresas. Agora non. Agora acordan eles o prezo e temos que tragar co que nos poñan".

Malia ser filla de gandeiros, a primeira opción de Ana non foi a granxa. "Eu estudiara Náutica, para ser piloto de embarcacións da Mariña Mercante, pero ao final influíron un pouco os sentimentos e decidín quedarme coa gandeiría", explica. Despois de 22 anos, recoñece que ás veces non pode evitar arrepentirse. "Vexo compañeiros de carreira que están sacándose unha pasta gansa e con 55 anos pódense xubilar coa pensión completa e claro que che entran dúbidas", conta.

E é que son 22 anos sen vacacións, nin pontes, nin festivos. "As vacas non entenden de reloxos nin de nada. Xamais collín vacacións. Só cando era estudante e aínda así axudaba na casa", precisa. "Ao ser unha empresa familiar é imposible -engade-. Á parte que si contratas a alguén, hai xente que vén, fai o que teña que facer e marcha. Non lle importa que haxa unha vaca en celo, ou unha coxeando, ou que unha non coma. Non hai xente que teña amor polo oficio".

"As vacas non entenden de reloxos nin de nada. Xamais collín vacacións"

Os seus días, todos os días do ano, comezan ás sete da mañá para atender, xunto co seu home, unha granxa que na actualidade conta con 140 vacas, "en ordeño case 90 e o resto de recría (para reposición cando tes unha baixa)". "Comezamos ás 7.30 atendendo ás vacas de recría, logo empezo a limpeza da corte e sobre as 8.30 a muxidura. Ás 10.30 acabo de muxir e de limpar todo outra vez. O meu marido prepáralles a comida porque facemos unha ración diaria que segue uns parámetros de proteína, materia seca... Logo, cara ao mediodía, volvemos a revisalas, prepararlles as camas outra vez, facer a limpeza... Desde que se termina de muxir ata as sete da tarde que volvemos a facelo, son retoques: comprobar que as vacas teñen comida arrimada para que coman, que teñen o chan limpo para que non padezan logo dos pés... Sobre as sete empezo a muxir outra vez e cara ás nove retirámonos", explica Ana.

"Nesta época non temos traballo por fóra porque xa se fixo a recolleita e sembrouse para a primavera -aclara-. O traballo de inverno por iso é pausadiño: atender a granxa e listo. En febreiro empeza o traballo duro: hai que abonar para que veña a herba, logo recoller a herba e sembrar o millo, atender despois a herba seca e recoller o millo e volver a sembrar a herba para volver a empezar... Agora estamos en stand by".

Malia que hai herdeiros, a Gandeiría Nodar non ten relevo. "Os nosos fillos non queren saber nada do tema porque o mamaron e ven o que hai. Hai que vela como unha empresa e se a empresa non é viable, pois adeus", sentencia.

"PAIXÓN HACIA UN TRABALLO". Pese a que ten só 25 anos, tamén María Manteiga coñece ben o sector. Non en van, esta enxeñeira agrónoma é a terceira xeración dunha familia de gandeiros e desde hai cinco anos é socia xunto cos seus pais e a súa irmá da Gandeiría Manteiga, situada en Oirós, Vila de Cruces. "Desde moi pequena souben que me quería quedar, a pesar de que sempre escoitabas que a situación non era idílica para as gandeirías de leite. Eu creo que o amor e a paixón hacia un traballo é o que che fai traballar nel. É vocacional. Entón eu xa orientei os estudos hacia a granxa porque si é certo que cando as cousas se poñen máis difíciles hai que estar un pouco máis profesionalizados para poder aguantar o tirón e esperar situacións mellores", explica.

"A de agora posiblemente sexa unha das peores situacións que vivimos as gandeirías de leite"

Sobre a crise actual recalca que é "un pouco distinta" ás anteriores. "Moitas veces o prezo do leite non era o adecuado, pero neste momento o prezo si foi subindo algo desde hai un ano, o problema é que a nós nos subiron as materias primas, a luz... e o prezo non acompañou esa subida. Iso aféctanos moito. Non é o mesmo pagar mil euros de luz todos os meses que pagar dous mil. A subida é ao dobre. Nós, afortunadamente, tiñamos concedida a subvención para as placas solares e montámolas en setembro. Por iso amortiguamos a subida e seguimos pagando o mesmo", conta.

"A de agora posiblemente sexa unha das peores situacións que vivimos as gandeirías de leite - afirma-. É un momento un pouco complicado porque coincidiu coas campañas do millo, unha época na que os gandeiros temos moitos gastos. Espero que teña solución porque a ninguén de nós lle gusta cerrar a súa granxa. A xente di que unha empresa cando perde cartos dous ou tres meses seguidos cérrase, pero cunha granxa non o podes facer. Que lle fago aos animais? Non é tan sinxelo como pechar unha tenda", comenta María.

"Realmente non podemos botar máis de tres meses perdendo cartos porque non o damos sostido -prosegue-. Igual xa levamos medio ano con perdas, pero estes últimos meses foron peores debido as campañas. É moi complicado cando as túas materias primas soben e ti non lle podes dicir ao proveedor que non as podes pagar a ese prezo e non tes marxe de manobra no prezo do leite. Esperemos que a lei que saíu agora da cadea alimentaria, que prohíbe vender por debaixo dos costes de produción, realmente se cumpra para que deixemos de perder cartos e poidamos vivir porque -subliña María- non é só que perdamos cartos, senón que á parte deberiamos poder sacar un soldo como calquera outra empresa. E non digo un soldo de 3.000 euros, senón un soldo normal de mil e pico. Deberiamos poder vivir co prezo do que producimos como calquera outro. Porque hai que darse de conta de que nós traballamos practicamente todos os días".

"Pechar unha granxa non é como pechar unha tenda. Que fas cos animais?"

Afortundamente, no caso da Gandeiría Manteiga si poden gozar duns días de vacacións ao ano. "Nós estamos integrados nunha cooperativa que ten un programa de substitución gandeira, entón si collemos vacacións todos os anos. Loxicamente, sáennos do peto porque hai que pagarlle a alguén que nos quede na granxa. Collemos dez, quince días ao ano, o resto temos que traballalos", apunta. As rutinas son semellantes ás que relata Ana Martínez, da Gandeiría Nodar, aínda que a granxa dos Manteiga está máis automatizada e conta con robot de ordeño e ordenador de comida. Por se non fosen labores dabondo, na actualidade María traballa tamén de comercial de produtos gandeiros.

"Realmente creo que non me equivoquei de oficio. Creo que isto será unha situación pasaxeira da que temos que saír con axuda de todos e, sobre todo, concienciando ao consumidor final de que non é que lle queiramos subir o leite, senón que os gandeiros non podemos vivir", conclúe a gandeira de Vila de Cruces.