Mocións e manifestacións comporán a ofensiva do BNG contra os peches anunciados por Abanca

Luís Bará sinala á Xunta e pídelle que presione ao banco "co que ten unha relación privilexiada" para frear os abusos que suporía esta concentración de servizos
undefined
photo_camera O BNG mantivo unha reunión de traballo para analizar a situación. D. FREIRE

O peche das oficinas bancarias da entidade Abanca en distintos puntos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo ten unha data tope: a primeira semana de setembro e o BNG vén de anunciar mobilizacións, mocións e reunións cos sindicatos, para lanzar unha "ofensiva" contra o mesmo.

A formación sinala que esta dinámica de peches é unha aceleración de procesos de concentración que só producirá "abusos" e "exclusión bancaria", que afectarán aos sectores da poboación máis desfavorecidos.

Así o expuxo onte Luís Bará, deputado nacionalista, tras unha reunión na que estiveron presentes responsables e militantes de todos os concellos afectados por estes peches (Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moaña, Poio e o responsable comarcal, Demetrio Gómez).

"O BNG denuncia a existencia dun proceso continuado, sistemático e planificado de concentración bancaria, de privatización, de peche de oficinas, de despedimentos e precarización laboral, que está provocando -coa excusa da pandemia- unha aceleración dos abusos e da exclusión bancaria", afirmou o deputado, que considerou "obsceno" que a Xunta permita estas situacións "nun contexto de beneficios millonarios en 2020, con 137 millóns de euros Abanca, 1.608 do Santander e 1.210 do BBVA" e despois dos rescates multimillonarios que as entidade, incluída Abanca, non devolveron despois da crise de 2008.

Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moaña e Poio son os concellos afectados polo peche das oficinas bancarias

O deputado augurou un "outono quente" porque o BNG non cesará noutras mobilizacións "que van en paralelo" en localidades da contorna: a defensa da sanidade pública, a situación da Educación de cara ao próximo curso, con peches de unidades, e a invasión eólica son outras das frontes nas que a formación está a respostar con manifestacións de repulsa "ante os ataques aos dereitos sociais".

Con respecto á situación xenerada polos peches de oficinas, o BNG sinala á Xunta e pide que "cando menos" retire a orde de axudas dotada con 700.000 euros para implantar caixeiros alí onde pechen as sucursais, que, entende Bará "fai un efecto chamada, neste proceso".

O deputado recoñece que non hai "un marco legal" que permita que a Xunta interveña ante os peches anunciados, "pero, counha relación tan privilexiada como ten con Abanca, na que mesmo forma parte da empresa coa que se repartirán os fondos Next Generation, está claro que pode facer algo".

O BNG resume en tres puntos os abusos da banca en actualidade: a redución de horarios de atención ao público, que prexudica en especial aos maiores; o aumento das comisións bancarias, que afectará á poboación con menos recursos, e a concentración de servizos na banca electrónica, que prexudicaará ao rural e aos lugares e sectores afectados pola fenda dixital.

Comentarios