A Deputación aproba unha nova inxección de cartos da man do Plan Concellos

Estes fondos permitirán realizar actuacións como melloras nos camiños rurais ou parques infantís, saneamentos, unha humanización ou a adquisición de maquinaria
Carmela Silva
photo_camera Carmela Silva nunha imaxe de arquivo. ADP

A Deputación aprobou na pasada Xunta de Goberno unha partida de 2,8 millóns de euros dentro do Plan Concellos que chegarán a Silleda, Cambados, Pontecesures, Caldas de Reis, Portas, Barro, Moraña, Bueu, Redondela, O Porriño e Salceda de Caselas.

Estes fondos permitirán realizar actuacións como melloras nos camiños rurais ou parques infantís, saneamentos, unha humanización ou a adquisición de maquinaria.

Para O Salnés foron aprobadas achegas para Cambados (371.448 euros) e Pontecesures (72.027 euros). Tamén se lle deu luz verde a recursos para a comarca de Pontevedra, con 81.298 euros para que Portas realice o saneamento de augas residuais en Piñeiro e Currás, 77.309 euros para que Barro mellore o viario no lugar de Mane de Arriba e 107.894 euros para que Moraña pavimente camiños municipais.

Do mesmo xeito, tamén se aprobaron dúas achegas para Caldas que suman 295.922 euros, unha de 95.025 para un vehículo 4x4 con cesta elevadora para o alumeado público e 200.897 euros cos que se ampliará a rede de saneamento no tramo O Pazo-Santa María. Á comarca do Deza chegarán 1.248.132 euros cos que Silleda asfaltará 14 camiños municipais

A achega para O Morrazo será de 159.342 euros, concretamente para que Bueu adquira unha parcela para uso como estacionamento e servizo de caravanas e autocaravanas.

Comentarios