Oia rexistra o refacho máximo de vento en Galicia con 100 quilómetros por hora

As choivas deixan 41,2 litros por metro cadrado en Val do Dubra (A Coruña) 

O municipio pontevedrés de Oia rexistrou o refacho máximo de vento no que vai de xoves en Galicia, con 100,7 quilómetros por hora, mentres que Val do Dubra acumula 41,2 litros por metro cadrado polas precipitacións. 

Así constan nos rexistros deste xoves de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, que reflicten que os refachos de vento máis significativas corresponderon a municipios con altitude menor de 900 metros da provincia de Pontevedra como Oia (100,7 km/h), Bueu (90,2 km/h) e Cuntis (88,7 km/h). 

Tamén na provincia da Coruña rexistráronse na mañá deste xoves refachos significativos como en Lousame, con 81,9 quilómetros por hora, e na lucense de Folgoso do Courel, con 77,3 km/h. 

En zonas altas, con altitude maior de 900 metros, na Comunidade galega o vento alcanzou refachos de 82,6 quilómetros por hora na Veiga (Ourense) e o 80,2 km/h en Manzaneda, na mesma provincia. 
Este xoves estaba activado até as 6,00 horas o aviso amarelo por refachos superiores aos 80 quilómetros por hora na provincia de Ourense.

PRECIPITACIÓNS. En canto ás precipitacións, os rexistros máximos de Meteogalicia destacan os 41,2 litros por metro cadrado contabilizados en Val do Dubra e os 40,1 no municipio coruñés de Coristanco. 

Ademais destas dúas localidades con altitude menor de 900 metros, na provincia da Coruña producíronse rexistros significativos en Vimianzo, con 39,9 litros por metro cadrado; Carballo, con 39,5; e Rois, con 36,3. 

Pola súa banda, en concellos con altitude maior de 900 metros as precipitacións deixaron 29,6 litros por metro cadrado en Vilariño de Conso (Ourense); 17,5 en Muiños, na mesma provincia; 16,9 en Rodeiro e 13,7 no ourensán da Veiga. 
 

Comentarios