Poio e Sanxenxo aplícanse na seguridade dos areais ás portas da tempada de verán

Turismo de Sanxenxo adxudica o servizo de Salvamento a dous anos por 1,2 millóns de euros
undefined
photo_camera Os primeiros usuarios adiantáronse este luns á tempada en Silgar. DAVID FREIRE

Ante o inminente inicio da tempada estival, os concellos máis turísticos da provincia ultiman os detalles para garantir a seguridade nas súas praias, nas que este ano a figura do socorrista volverá adquirir gran relevancia. Por este motivo, a posta a punto destes servizos nos concellos de Poio e Sanxenxo foi unha das prioridades nas últimas semanas.

No caso de Sanxenxo, sáldase coa adxudicación do servizo de Salvamento á empresa Salvar, formar y socorrer por 1.257.855,50 euros (Ive engadido), despois de que o pasado mes de xaneiro o executivo local anunciara a externalización do servizo, antes municipal, co obxectivo de "seguir mejorando y dar un paso más en su profesionalización". Unha decisión motivada en parte polo aumento de bandeiras azuis nos areais sanxeninos nos últimos anos.

Pola súa banda, Poio acaba de anunciar a aprobación das bases por parte da Xunta de Goberno Local para a contratación de seis socorristas que desenvolverán as súas funcións nas praias de Xiorto (Raxó) e Cabeceira (Lourido).

En Sanxenxo, a adxudicataria, cuxo contrato ten vixencia para este verán e o seguinte, e poderá ampliarse por dous anos mais, encargarase de planificar actuacións ante distintas emerxencias, incluíndo as distancias lineais entre os accesos das 17 praias con bandeira azul, así como a posibilidade de establecer accesos prioritarios e secundarios. Na súa memoria, explica "con claridade" a codificación das emerxencias segundo a súa gravidade, o que lle outorgou unha maior puntuación no concurso.

► Máis información: O mal tempo evita o cheo nos hoteis da comarca

O servizo contará cun responsable xeral, dous coordinadores e un operador de comunicacións. Segundo informou o Concello, as condicións laborais das 80 persoas que require o servizo, entre socorristas e persoal de primeiros auxilios, axustaranse ao convenio colectivo vixente.

POIO. O edil de Persoal de Poio, Xosé Luís Martínez, destacou a importancia de ofrecer o servizo de Salvamento en Xiorto e Cabeceira, dúas das praias do municipio que cada ano reciben un maior número de bañistas. No caso de Cabeceira, cómpre lembrar que, un ano máis, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) outorgoulle a bandeira azul, tal e como fora solicitado pola Administración municipal.

O proceso selectivo será de quenda libre e ao mesmo poderán concorrer aquelas persoas que se atopen nunha situación de desemprego e estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, constando como demandantes non ocupados. Outro dos requisitos que deberán cumprir os e as aspirantes será estar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia e tamén é posible participar na selección no caso de que se demostre ter solicitado a inscrición no devandito rexistro nos últimos tres meses. A solicitude pódese facer vía telemática ou presencial.

Unha vez se leve a cabo o proceso de contratación, publicarase un listado provisional de admitidos e admitidas, ao que se lle seguirá o pertinente período para presentación de reclamacións.

Os servizos actívanse en xuño 
En Sanxenxo, o servizo de Salvamento comezará a operar o vindeiro 15 de xuño, e prolongarase ata o 15 de setembro, en horario de 12.00 a 20.00 horas nas prias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, mentras que no resto de areais do municipio estará operativo do 1 de xullo ao 31 de agosto. 

Xiorto e Cabeceira 
Nos principais areais do concello de Poio os usuarios tamén poderán contar co servizo dende o mes de xuño. O edil de Persoal, Xosé Luis Martínez, explicou que a aprobación das bases para a contratación de seis socorristas para as praias de Xiorto (Raxó) e Cabeceira (Lourido) permite o inicio do proceso selectivo, co obxectivo de que o servizo xa poida estar activo ao longo do mes que vén. Tamén informou de que a duración dos contratos temporais será de tres meses, de xeito que a vixía nas praias se complete durante toda a temporada estival, ata ben entrado setembro.

Comentarios