Política Social oferta 1.600 prazas na provincia nos campamentos de verán

Haberá nove alternativas para rapaces de entre 9 e 17 anos en lugares como Bueu, Vilanova ou Forcarei
Niños participantes en uno de los campamentos de "la Caixa". D.P.
photo_camera Niños participantes en un campamento. DP

A provincia de Pontevedra contará cunha vintena de campamentos e campos de voluntariado promovidos por Política Social, no marco da campaña xuvenil de verán 2021. En total ofertaranse case 8.000 prazas, das que 1.600 se corresponden coa provincia, tras incrementarse nun 15% con respecto ao ano anterior.

O departamento autonómico abriu na xornada deste xoves o período de solicitude de praza. A petición debe formalizarse a través da sede electrónica da Xunta e, entre todos os interesados, sortearanse dez prazas de balde.

Esta campaña conta cun reforzo de prazas destinadas á inclusión e mantéñense os distintos descontos das taxas para familias numerosas ou posuidores do carné xove. Desenvolverase entre xullo e setembro e centrarase na aposta pola conciliación familiar e laboral, a formación biosaudable dos mozos e a seguridade sanitaria no marco da situación pola covid-19.

OFERTA NA PROVINCIA. No caso da oferta da provincia de Pontevedra, haberá un total de nove campamentos, para cativos de 9 a 17 anos, nas Sinas (Vilanova de Arousa), Ponte Maril (Forcarei), Albergue Vicente Agulló (Lalín), FervenzAventura (Silleda) -que é a novidade da presente campaña-, Illa de Ons (Bueu), Concello de Mondariz-Balneario, El Kiriko (Fornelos de Montes), Granxa-Escola Albergue de Tomiño e Residencia de Tempo Libre de Nigrán. As prazas de inclusión outorgaranse nas dúas primeiras iniciativas a desenvolver no Salnés e na Terra de Montes.

En canto aos campos de voluntariado, orientados a mozos de 18 a 30 anos de idade, serán O Camiño Portugués pola Costa, en Oia; A Illa de San Simón en colaboración coa Consellería de Cultura; A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove; Salvemos o mar: Plásticos cero, en Vilanova de Arousa entre outros.

Comentarios