Ponte Caldelas e Soutomaior gozaron do Entroido sen preocuparse polo frío

Poio, Caldas, Cuntis e Barro celebran esta tarde os seus desfiles e festas

Un grupo de paiasos sentados nas instalacións de Reivi, na festa a cuberto do Concello de Ponte Caldelas. RAFA FARIÑA
photo_camera Un grupo de paiasos sentados nas instalacións de Reivi, na festa a cuberto do Concello de Ponte Caldelas. RAFA FARIÑA

O Entroido chegou a algún dos concellos da comarca de Pontevedra, onde, para non sufrir co frío, as celebracións se están comezando a facer a cuberto. Así, en Ponte Caldelas, o Concello promoveu unha gran festa para o público familiar que se desenvolveu na Discoteca Reivi. Os máis cativos puideron disfrutar de música e animación infantil, nunha sesión na que non faltaron as sorpresas e agasallos para os participantes.

O trío 3.com foi o encargado de tomar o relevo da sesión "disco", de xeito que o baile para os máis maiores contou con música en directo. Un dos atractivos da festa foi a degustación de filloas gratis, que foron elaboradas a cargo das Mulleres Rurais do Verdugo, as Mulleres Rurais de Xustáns e o grupo Aires del Norte.

En canto a Soutomaior, no caso do Concello do fondo da ría de Vigo foron os máis cativos os que gozaron dunha festa infantil nas instalacións do Multiusos. A cita máis importante do Entroido de Soutomaior será o desfile, que se celebrará o día 18 de febreiro ás 17.00 horas.

Tamén haberá ocasión de disfrazarse en moitos recunchos da comarca. Un deles, Poio, contará con desfile por partida dobre, co do Galo Bruxo en Samieira,  mentras que o desfile de todo o concello sairá ás 16.30 desde Campelo. En Vilaboa, as madamas e galáns percorrerán todo o día as parroquias, destinando a mañá a toda a zona de Barciela. En canto a Umia, en Caldas, sairá o desfile sobre as 17.00 horas, se non se suspende pola choiva. En Cuntis ás 16.30 comezará a festa, que se trasladará ao pavillón municipal e en Barro, o baile será no Centro Cívico desde as 19.00 horas.

Comentarios